Piso Franco, literatura á carta

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Camilo Franco, retratado por Moncho Fuentes
Camilo Franco, retratado por Moncho Fuentes

A aplicación do xornalista Camilo Franco leva ao móbil o seu relato do mundo

23 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Está convencido de que, malia o que se pensa, a era dixital non supón a renuncia á lectura. Do que se trata é de facilitarlle o seu disfrute ao público, sostén o escritor, crítico teatral e xornalista Camilo Franco (Ourense, 1963), que decidiu levar o seu relato do mundo ao móbil a través da aplicación Piso Franco, dispoñible xa para a súa descarga nos sistemas operativos Android e iOs. A filosofía é: «Se hai webs, fagamos literatura nas páxinas web; se hai redes sociais, fagamos literatura nas redes sociais; e, se hai apps, fagamos literatura nas apps». Sabe que o teléfono é hoxe «o soporte favorito» da xente e cre que hai que adaptarse para servir contidos literarios e xornalísticos nestes populares terminais. O que conta son as historias, proclama, e máis nesta pandemia na que se lles pode tirar virtudes terapéuticas, como bálsamo para mellor soportar o confinamento.

Franco incorpora materiais novos (dous textos) cada semana, establecendo deste xeito un estreito vínculo co usuario que ao tempo comporta —di— «unha relación comercial de tipo livián», ao fixarse unha subscrición anual por un importe de 14,99 euros. «O prezo é moi axustado e a miña vocación capitalista é apañar todo o que poida», chancea o escritor. Non é máis, incide, que a actualización do concepto libro de peto e unha maneira en que o autor se procura «un seguro de vida».

A aplicación parte nun inicio dunha colección de textos que se irá ampliando progresivamente, sumando pezas de contido maioritariamente literario pero tamén de crítica, reporteirismo e opinión, xéneros que Franco manexa con tendencia á hibridación e sentido do humor. Ademais, rescataranse polo seu interese algúns textos xa publicados noutros soportes, e todos con preferencia pola brevidade.