Música para María Balteira

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Xana Carpintero

O grupo Manseliña grava dezaseis cantigas de escarnio en torno á soldadeira

23 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha soldadeira, segundo a definición do dicionario académico, era unha muller «que bailaba e realizaba exercicios ximnásticos durante a actuación de xograres ou trobadores». Unha das máis célebres foi María Balteira, a quen se lle dedicaron varias cantigas de escarnio que agora veñen de reunir Manseliña nun disco titulado María Pérez se maenfestou (Lindoro). O conxunto formado por María Giménez, Tin Novio e Pablo Carpintero, especializado no repertorio da lírica galegoportuguesa —o seu anterior disco é Sedia la fremosa—, propón unha lectura froito dun rigoroso proceso de investigación, musicolóxico e histórico. Só existe notación musical para as cantigas de Martín Códax e Don Dinís, ademais das de Afonso X, pero o grupo empregou melodías que probablemente usaban os trobadores da época e que son hipóteses convincentes de sonorización, como escribe Manuel Pedro Ferreira nas notas do disco.

Son melodías, algunhas delas de orixe provenzal, que circulaban por Europa e que eran empregadas aquí e acolá grazas á transmisión popular. Existían moitas variantes dunha mesma melodía, como explica María Giménez, e outras que se empregaban para diferentes textos, sen distinción se eran profanos ou sacros. Tendo en conta que este disco reúne cantigas de escarnio, co seu léxico procaz, non deixa de ser gracioso, como apunta a vocalista, que leve como soporte sonoro un préstamo doutra canción na que se narraba a redención pola virxe dun cabaleiro luxurioso...

Un tema que desemboca no retrato que as cantigas ofrece de Balteira. «Din dela que é vella, que maldice cando xoga aos dados, que tira con arco, que foi á cruzada, que ten carácter forte e que é supersticiosa e que non hai reino onde non fora deshonrada», enumera Giménez. A vocalista é consciente de que ao longo do tempo se foron proxectando ideoloxías e prexuízos, dende a condena eclesiástica da exhibición do corpo feminino e a natureza promiscua que lle atribuían á muller, ata unha visión romántica e fantástica —a descrición de Martínez Salazar de Balteira como «la bella y piadosísima pecadora»—, pasando por unha achega contemporánea, que pon o acento na súa condición de muller libre. Giménez foi sacando as súas conclusións, que cualifica máis de intuicións que científicas. «Coido que, para entendela, é importante entender a pirámide feudal musical», describe, «que era unha relación vertical entre mecenas, neste caso rei-trobador-xograr-soldadeira. Cada un deles pode facer uso ou abuso do seguinte, e abaixo de todo está a muller», reflexiona.

O disco, por tanto, é un punto de chegada dunha investigación que non foi estritamente musical. «Púxenme a buscar todo tipo de información que me axudase a comprendela», lembra a intérprete. «Lin de todo: historia da Taifa de Murcia, xurisprudencia sobre mulleres, documentos de compra/venda do século XIII, biografías dos poetas, outros escarnios, a prostitución na Península, iconografía relixiosa...».

San Cristovo de Tapia

Porén, aínda que este caudal investigador axudase ao grupo a perfilar a súa interpretación, e o seu coñecemento contribúe a un maior goce dos oíntes, cómpre non esquecer que esa dimensión, a de escoita é a fundamental. María Pérez se maenfestou foi gravado por unha especialista francesa, Camille Frachet —«unha crack dos espazos naturais», loa Giménez—, na igrexa de San Cristovo de Tapia, en Ames, unha acústica que é máis próxima a este repertorio que a dunha moderna sala de concertos. «Eu vivo en Ames, así que me presentei en misa de once e fun dar con don Manuel Blanco, un cura novo e sensible, que nos apoiou dende o primeiro disco», relata Giménez. «En Galicia temos moitas, moitísimas igrexas e capelas que, aínda que de estilo tardío, conservan a pedra e a bóveda de canón ou o teito de madeira. Se che toca un párroco simpático é fácil que a Archidiócese che dea permiso», engade.

Co disco editado e á venda, o lóxico é levar este repertorio ao directo, e Manseliña traballa nesa dirección na busca de comprometer concertos, tarefa ardua. No grupo non se arredan e xa andan a voltas con outro proxecto co que bateron mentres buscaban información sobre Balteira, e que non é outro que a pegada da materia artúrica na poesía galegoportuguesa.