Contra Castelao

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

21 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste mes de xaneiro, ligado a dúas datas maiúsculas de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (a do nacemento e a da morte), falarei, moi esquematicamente, dunha manifestación, contra el, á que asistín cando finalizaba o bacharelato no Instituto Santa Irene de Vigo. Foi o 11 de decembro de 1946, días despois de que a ONU decretara a retirada de embaixadores da España de Franco, que —rezaba a disposición 39 do alto organismo— se fixera co poder coa axuda eficaz das potencias nazi-fascistas. Para algúns antifranquistas, esta medida, promovida polos países vencedores da Segunda Guerra Mundial, suporía o derrocamento do réxime de Franco, que sería substituído, provisoriamente, polo Goberno da República no exilio (París), presidido por José Giral e no que era ministro sen carteira Castelao.

Tivemos que asistir os escolares vigueses, eu entre eles, que nada sabía do ministro nin sequera do presidente, o que lle acontecía a centos e centos de alumnos concentrados na praza da Princesa, ateigada de pancartas, algunhas en verso, escritas —supoño— polos mellores rimadores da Falanxe local. Setenta e cinco anos pasados, lembro unha: «Giral, Giral, / lo vas a pasar mal». Tratábase, sen dúbida, dun vate moderado. Os outros textos, non recordados, linos na crónica de El Pueblo Gallego moitos anos despois, por exemplo: «Estamos con Franco. Que se mueran los hijos de la Pasionaria y de Pepito Giral». Tópicos da época. Xa aquí, non debo omitir un texto verdadeiramente histórico, a primeira pancarta redactada en galego desde 1936: «Aquí, como en Ribadeo, para cada ONU, o seu».

A resposta de Franco á resolución da ONU foi tal que, á primeira das concentracións, na praza de Oriente (Madrid), asistiron 700.000 persoas. Nesta, o Caudillo arremeteu contra «los hijos de la Pasionaria», ruín figura retórica moi de moda daquela. Na de Valladolid exhibiuse unha pancarta na que un poeta críptico escribiu: «Si España arruina la paz / mis riñones son claveles».

Eu, en 1946, estaba rodeado de pancartas que non entendía ben. Tampouco sabía que nos manifestaban contra Castelao, nome que nunca oíra nas aulas.