«As sílabas do mundo», último poemario de Luís Rei Núñez

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O escritor Luís Rei Núñez.
O escritor Luís Rei Núñez. Ramón Leiro

A obra do escritor coruñés afincado en Pontevedra evidencia unha madurez plena que non impide que a súa mirada manteña un «asombro xigantesco» para abordar a memoria e o paso do tempo

17 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O ano pasado debutou publicamente Luís Rei Núñez (A Coruña, 1958) no campo das artes plásticas coa exposición en Pontevedra Letra pequena, que sacou á luz un grande e íntimo amor polo debuxo —«a miña primeira vocación», asegura— que lle vén da nenez e que reclamou o seu lugar central durante o confinamento pola pandemia do covid-19. Era o seu xeito de concitar rostros amigos e de proclamar, di, que non estaba só. Coa mostra, incide, quería certificar a pertenza «a unha nación radicada entre a afouteza e a fraxilidade, a nación da nosa alma». Agora —hai unhas semanas que o volume chegou ás librerías— regresa aos seus dominios máis queridos da escrita co poemario As sílabas do mundo, que a pouco que se estabilizan as lentes pódese observar como un proxecto irmán daquela letra pequena. Non só por canto ten de ollada cara atrás, de eloxio, reconto e agoiro do tempo, senón tamén porque —como os debuxos— está feito desde o silencio, a soidade, a lentitude, a sinxeleza, a meditación, a paz de espírito, a sensibilidade. Xa o propio título do libro confirma ese parentesco ao poñer o foco nesta mínima unidade da linguaxe que é a sílaba, e que no verso de Rei Núñez eríxese en perpiaño básico na construción do relato da existencia vital de cada un, e do poeta, que lembra que a súa Ítaca é a memoria, cuxos non sempre doces ecos axudan á preparación para a perda, para o final definitivo, para a morte. «O reloxo [canta o bardo nun dos poemas] tivo unha hora para partir e terá outra para render viaxe». A aposta do autor, avisa, «emparella [nesta páxinas] clasicismo e modernidade», o que é un indicio máis de que a plena madurez colorea o iris de Rei, que desta altura non se deixa levar pola ansiedade do ambiente e que, pese aos anos vividos, mantén na mirada tamén un (necesario, precioso) «asombro xigantesco». As sílabas do mundo é, si, esa lagoa calma na que o lector devece por abandonarse no mergullo.