Bieito Romero: «Unha das grandes taras da música galega son as fronteiras»

dolores Vázquez A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

Luar na Lubre con su formación actual
Luar na Lubre con su formación actual Antonio Vizcaya

Luar na Lubre estrea o ano en Ourense «coa banda sonora do Camiño»

14 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Luar na Lubre pecha un ano bo de concertos, tras un 2020 no que sacaron disco e viron como a pandemia deixaba o seu centenar de actuacións reducidas a 20. Con un Xacobeo estendido arrancan o seu periplo de actuacións no 2022 cun concerto duplo, os días hoxe e mañá no teatro Principal de Ourense, onde presentarán Vieiras e vieiros, historias de peregrinos. «É unha banda sonora, dende unha perspectiva persoal, que reflicte moi ben o que significa o espírito do Camiño», resume Bieito Romero, líder da banda, sobre un disco que considera que era un traballo pendente para o grupo, en canto que a lírica galega medieval xa era unha das fontes das que bebían.

«Falando con xente que realmente coñecía a historia do Camiño animáronnos para un traballo desde tipo e cando empezamos a rascar vimos a inmensidade de información que había», explica sobre o que supuxo escoller entre historias de peregrinos «interesantes para musicar» e que decidiron limitar enfocando a proposta dende unha perspectiva unicamente galega. «É un disco profundo, ben buscado, asesorado e, afortunadamente, recibimos a bendición de xente moi vencellada a todo isto», di, citando entre os seus colaboradores a Antón Pombo, Pepe Formoso, Andrés Peña Graña e José de la Riera, grandes coñecedores das rutas xacobeas.

«Conceptualmente é moi similar a Ribeira Sacra [o seu traballo anterior]», recoñece, xa que alén da música recolle sons. «Fixemos o Camiño Francés practicamente enteiro, non andando, motorizados, mais parando en lugares esenciais para gravar o que escoitaría un peregrino, dende un río a pasos dunha senda empedrada, as campas no Cebreiro, o vento bailando en Triacastela, a berenguela, o mar de Fisterra ou unha parte dunha misa en Muxía con temporal», comenta sobre elementos que funcionan de tránsito entre as pezas.

Cre que Vieiras e vieiros, historias de peregrinos salda unha débeda porque «non había unha proposta tan aberta dende o folk relacionada co Camiño». Para render homenaxe aos protagonistas principais desta ruta de peregrinación, ademais do galego, incorporan o latín, o francés e o inglés, esta última lingua para non esquecerse dos romeiros que chegaban por mar.

Sobre a peza en latín, Dum pater familias, o máis antigo canto de peregrinos, fixeron o seu primeiro vídeo. Asinado polo catalán Manel Calderón, é un curioso traballo de animación, que lles permitiu avanzar na presentación do disco durante a pandemia ante a imposibilidade de reunirse. «A vida ten que continuar, é un risco en todos os casos, e a música e a cultura, nin nada, poden parar. O peor que hai é o medo e tes que enfrontar as cousas coa máxima seguridade e intentar adaptarte á nova normalidades», comenta Romero.

Este novo traballo discográfico supón tamén a incorporación de dúas novas integrantes do grupo, coas que xa tiñan colaborado previamente, a violinista Nuria Naya e a cantante Irma Macías. Arriban a unha formación que leva de maneira regular nos escenarios dende 1985 e que recoñece que se marca Galicia como gran prioridade. «Unha das grandes taras da música galega son as fronteiras, é moi difícil que un grupo de música galega transcenda, vaia máis alá do que son os nosos lindes. É nisto onde están as grandes complicacións para a continuidade dos grupos e para facer que poidan subsistir; non é doado, e menos para un grupo numeroso como o noso», admite Romero, que precisa que no seu caso teñen «ese traballo feito dende hai anos e moita xente detrás. Creo que o gran valor que temos é o público», conclúe.

Colaboración en «Benvido» de Miguel Ríos, que canta en galego por primeira vez

 

 

Cunha coidada estética a cargo do historiador e pintor Alfredo Erias, Vieiras e vieiros, historias de peregrinos vén nun formato de dous cedés. Conteñen 14 cancións novas e 13 sons do Camiño Francés, e un «agasallo» que recupera pezas da lírica medieval galega incluídas nalgún dos 18 traballos discográficos anteriores e outras con colaboracións de músicos como Diana Navarro, Sara Vidal, Miro Casabella ou Carlos Jean. A gran novidade é Benvido, de Miguel Ríos. «Propúxenlle que se animara a colaborar e dixo que sen problema e aí está cantando en galego por primeira vez», comenta Romero sobre a participación do artista granadino, que os acompañará, xunto con Víctor Manuel e Ismael Serrano, no concerto que darán en Madrid a comezos de ano e tras os de Ourense.