Galaxia publicará, en exclusiva, a obra en galego de Vicente Risco

La Voz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

MIGUEL VILLAR

A editorial e a fundación do escritor asinaron un acordo de colaboración

14 ene 2022 . Actualizado a las 11:52 h.

A Editorial Galaxia publicará en exclusiva a obra en galego de Vicente Risco. Así o acordaron os representantes da empresa e da fundación do escritor ourensán, segundo se anunciou este mércores por parte dos asinantes do convenio. Aínda que o acordo hai tempo que se tiña pechado, polo que se informou, a pandemia foi adiando a sinatura do documento no que se recollen os termos da colaboración.

O presidente da Fundación Galaxia, Antón Vidal Andión, e a presidenta da Fundación Risco, Celia Pereira Porto, foron os encargados de rubricar o convenio nun acto no que tamén participaron o director xeral da editora, Francisco Castro Veloso, e o secretario da Risco, Xosé Rodríguez Díaz.

Biblioteca e legado de Nós

Segundo se recolle no convenio, Editorial Galaxia publicará a obra do intelectual na colección Biblioteca Vicente Risco e a colaboración entre empresa e fundación enmárcase na tradición do legado da Xeración Nós. O principio inspirador do acordo é a colaboración a prol da cultura e a lingua galegas e, tal e como se recolle literalmente no prólogo, entre os obxectivos está «manter vixentes os mellores valores da xeración homónima á revista».

A decisión de promover o convenio que agora se fixo público xa fora tomada con motivo do centenario da publicación do primeiro número da revista Nós —que saíu á rúa en outubro de 1920—, aínda que as circunstancias epidemiolóxicas fixeron que non se materializara ata o de agora. Ademais de dar a coñecer o acordo, Galaxia e Fundación Risco tamén se reafirmaron na súa «vontade de colaboración recíproca que se estende máis aló do plano editorial».

A empresa foi a encargada de publicar a obra de Vicente Risco historicamente, ata o vencemento hai uns anos do acordo acadado no seu día. Con esta sinatura retómase «a boa relación que sempre mantiveron ambas institucións» e para a presidenta da Fundación Vicente Risco, segundo sinalou Celia Pereira, é unha honra que a obra do intelectual ourensán «se publique nunha editorial tan senlleira como Galaxia onde don Vicente publicou o seu Leira aínda en vida nunha edición que el mesmo supervisou».

Ao teatro con Quico Cadaval

Un dos proxectos relacionados coa obra de Risco é a adaptación teatral de O porco de pé . A estrea será o 31 de marzo, no Teatro Principal de Ourense, e a dirección corre a cargo de Quico Cadaval. Patricia Vázquez, Victor Mosqueira e Evaristo Calvo serán os protagonistas.