A RAG reclama que o galego sexa oficial en todo o Principado de Asturias

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

ANGEL MANSO

O novo Estatuto, que usa o glotónimo «eo-naviego», quere limitalo ao extremo occidental da Comunidade

11 ene 2022 . Actualizado a las 20:19 h.

A Real Academia Galega (RAG) pretende que o galego teña a condición de oficial, en igualdade de condicións que o asturiano, no Estatuto de Autonomía de Asturias. Tras coñecer a proposta de reforma, na que se limita a declaración de oficialidade do galego que se fala no extremo occidental de Asturias só a ese ámbito territorial, a RAG reclama que cambie o criterio e que reciba un tratamento similar ao que ten a lingua occitana en Cataluña.

Así a institución fíxolle chegar ao presidente da Xunta Xeral do Principado de Asturias, aos grupos parlamentarios e ao Goberno de Asturias o informe aprobado no seu último pleno ordinario. Fronte á consideración de limitar o galego dentro de Asturias a esa parcela xeográfica, reclama «o mesmo trato para as dúas linguas propias de Asturias, o galego e o asturiano». Ademais, fai unha crítica á escolla do glotónimo «eo-naviego» en lugar de galego. A RAG expón que iso «parece ter como finalidade facer invisible a existencia do galego nas comarcas asturianas estremeiras con Galicia».

«A Real Academia Galega arela que o Parlamento do Principado aprobe na reforma do seu Estatuto de Autonomía a declaración de oficialidade das dúas linguas propias de Asturias, o galego e o asturiano. E que na posterior lei de uso que se prevé, o galego, na variante eonaviega, sexa oficial en todo o territorio do Principado de Asturias, para que os seus falantes teñan os mesmos dereitos ca os de asturiano, como en Cataluña os teñen os falantes da lingua occitana, denominada aranés en Arán», expresa no seu comunicado.

Situación usual en Europa

Respecto á preferencia do glotónimo «galego» en lugar de «eo-naviego» na proposta de reforma, a RAG argumenta que as fronteiras políticas adoitan non coincidir coas fronteiras lingüísticas e que a continuidade da lingua falada nunha comunidade veciña é algo coñecido que se repite en Europa. «E nestes casos, que a variedade lingüística en cuestión teña un glotónimo que corresponde á lingua doutra comunidade, neste caso o galego, non é motivo de ningún conflito nin rexeitamento. Entre dúas comunidades e entre dúas linguas que comparten intereses e que deberían procurar a colaboración para buscar estratexias de futuro conxuntas, con máis razón deberían evitarse confrontacións que só conducen a desunir, e que só poden ter consecuencias negativas para os falantes destas variedades», advirte a RAG.

«Non é función da Real Academia Galega intervir en cuestións de tipo político; pero si é función dela lembrarlles que unha lingua é un patrimonio cultural merecente de ser salvagardado», conclúe a institución.

Na comunidade de Castela e León, na reforma do Estatuto aprobada en 2007, rebaixouse a protección do galego, que pasou do fomento do seu uso nas zonas de implantación á mera vixilancia.