A fusión de Brath, corenta anos de cando o rock entrou no folk galego

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Eloi Caldeiro, fundador e líder de Brath; á direita, portada do último traballo discográfico da banda, «Clan Atlante».
Eloi Caldeiro, fundador e líder de Brath; á direita, portada do último traballo discográfico da banda, «Clan Atlante».

Os lectores de La Voz de Galicia poden mercar o seu novo disco «Clan Atlante» nos puntos de venda do xornal

02 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O grupo lugués Brath no só é unha das formacións históricas do folk galego senón que a comezos da década dos oitenta ergueuse como pioneiro no camiño de entrada do rock nas músicas tradicionais do país. A banda, liderada polo seu fundador e baterista sarriao Eloi Caldeiro (1955), segue na estrada e corrobora co seu novo disco, Clan Atlante, o éxito desa idea de fusión —os composteláns NHU, en 1978, serviran unha tentativa máis urbana— que a moitos daquela lles pareceu herética pero que non poucos músicos desenvolveron despois e que hoxe practican grupos tan actuais e novos como Moura.

Con Kalaikia (1982), primeiro traballo discográfico de Brath, sementouse un terreo que se revelou fértil e que 40 anos máis tarde mantén todo o seu esplendor. Hoxe ninguén cuestiona a presenza —nas formacións do folk galego— de instrumentos como a batería ou a guitarra, o teclado e o baixo eléctricos. Unha ducia de gravacións de estudio despois emerxe Clan Atlante, álbum no que Caldeiro continúa, porén, a reivindicar —entende que aínda é preciso— a utilización da lingua galega para a creación artística e para a vida. De feito, na filosofía inaugural de Brath está tamén achegar aos mozos as sonoridades de raíz, para que non se perderan definitivamente.

Os lectores de La Voz poden facerse nos puntos de venda do xornal cun exemplar do libro-cedé Clan Atlante, exemplo senlleiro en Galicia de mestura das músicas progresiva e tradicional.