«Tanxugueiras», Palabra do Ano 2021

La Voz

CULTURA

Rocío Cibes

«Resiliencia» e «vacinódromo» foron as seguintes voces máis votadas na iniciativa promovida pola Real Academia Galega e a Fundación Barrié

27 dic 2021 . Actualizado a las 21:29 h.

Houbo vida máis alá da pandemia neste 2021 que está a piques de botar o peche. Os últimos 12 meses trouxeron tamén alegrías que soan moi, pero que moi ben. É o caso das Tanxugueiras, nome da banda galega formada por Aida Tarrío e as xemelgas Olaia e Sabela Maneiro, que teñen un pé en Eurovisión —a finais de xaneiro saberase se finalmente as pandereteiras elevan a voz por España no certame que este ano acolle Italia— e, dende onte, son Palabra do Ano 2021, tras se facer coa maioría dos apoios na elección popular promovida polo Portal das Palabras. Séguenlle no resultado da votación desta iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié as voces resiliencia, vacinódromo, gromo e coada.

«Queremos dar as grazas a todas, todos e todes os que votastes para que Tanxugueiras fose a Palabra do Ano —celebra Aida Tarrío—. A verdade é que para nós é unha emoción tremenda, fainos moitísima ilusión. É un gran recoñecemento a todo o traballo e a todo este camiño que levamos facendo». Reiterando o agradecemento, Tarrío comprometeuse, xunto coas irmás Maneiro, a «tratar de poñer o galego nos escenarios máis grandes de todo o mundo» e a «levalo como bandeira».

A palabra tanxugueiras é un referente dos novos camiños que con grande éxito está a abrir a música tradicional galega. E malia non estar no dicionario, ten as raíces ben chantadas no idioma de Galicia: é, en realidade, o plural dun microtopónimo, que agora se converte tamén nunha icona da riqueza da lingua galega como produtora de nomes de lugar que conforman un patrimonio inmaterial único no mundo.

Popularizado por este trío feminino, designa unhas terras da parroquia de Fumaces, no concello de Riós (Ourense), situadas nun alto. Pero non son as únicas tanxugueiras do territorio galego: hai outros lugares co mesmo nome nos concellos de Catoira (Pontevedra), Dodro (A Coruña) e, de volta na provincia de Ourense, en Viana do Bolo, como se pode comprobar na aplicación Galicia Nomeada, unha plataforma para a recolleita colaborativa da microtoponimia creada pola Xunta e a RAG.

Tal e como explican dende o Portal das Palabras, este vocábulo é unha alteración da forma etimolóxica teixugueira, un zootopónimo común no país que sinala os sitios onde hai presenza ou abundancia de teixugos ou porcos teixo, un tipo de mamífero de vida nocturna que se alimenta de bichocas, landras e plantas como a do millo, polo que nalgúns lugares de Galicia tocábase o corno polas noites para espantalo. Esta voz popular remite probablemente ao latín taxo, taxonis, o nome latino que recibía o teixugo, aínda que podería vir tamén da suposta forma xermánica thahsus ou do gótico thahsuks.

Cólase tamén nos cinco primeiros postos unha voz chea de actualidade, coada, na acepción referida ao manto de lava en estado líquido emitido por un volcán durante a súa erupción. Ocupa o quinto lugar despois de moito repetirse nos medios de comunicación e na rúa trala reactivación da actividade volcánica na illa da Palma que abriu tantos telexornais dende o mes de setembro.

Por diante, resiliencia, gromo e vacinódromo, porque a loita contra o coronavirus non só elevou ás primeiras páxinas palabras xa coñecidas que non adoitaban ser noticia, tamén promoveu a creación de novas voces como este xa recorrente neoloxismo.

«Resiliencia», «vacinódromo» e «gromo», as seguintes máis votadas

Malia non poder coa ilusión contaxiosa da música, o covid-19 deixa pegada no segundo, no terceiro e no cuarto posto da votación. Aínda que «resiliencia», a acepción da capacidade dos seres humanos para adaptarse positivamente ás situacións adversas, é unha virtude útil en calquera momento, apuntan dende a Fundación Barrié e a RAG, non hai dúbida de que o impacto na vida cotiá da pandemia fixo que se escoitase máis que nunca. A crise sanitaria tamén lle deu de comer ao dicionario galego, que este ano incorporou coa palabra gromo a acepción de ‘aparición súbita dunha enfermidade epidémica entre a poboación dun determinado lugar, así como o de primeira manifestación ou aparición de algo'.