Os corenta anos da movida de Vigo

CULTURA

Oscar Vázquez

Tal día coma hoxe celebraban o seu primeiro concerto Siniestro Total

27 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai hoxe 40 anos do primeiro concerto de Siniestro Total. Foi no teatro Salesianos de Vigo. Antón Reixa estaba na porta tentando levar a conta dos tickets, pero seica non había xeito e a xente coábase. Tanto tiña. Ese concerto considérase o instante fundacional da movida de Vigo. Ningún dos presentes o sabía, por suposto, pero algo estaba comezando. Algo caótico e chafalleiro, pero que catro decenios máis tarde aínda deixa un eco, coma o Big Bang, nos ouvidos e nos corazóns dos que o lembramos como algo importante nas nosas vidas.

Esa imaxe de Reixa tentando que a xente non se coase no concerto é unha boa metáfora para entender o que foi aquilo: espontaneidade, loucura, desorganización creativa. En Vigo había tantos grupos coma xente. Os cantautores galeguistas duns anos antes xa non lle interesaban a unha rapazada que logo do cinto de castidade do franquismo do que tiña ganas era de pasalo ben, non de poñerse transcendentais pensando no país. Por iso non importaba nada a música, senón a festa. Todo o mundo sabe que The Ramones non sabían tocar. 

Lembro a primeira vez que escoitei aos Siniestro, nunha cinta de casete que alguén me gravara. Só pensei, que malos son. Destes non se vai lembrar ninguén dentro dunha semana. Corenta anos máis tarde estamos aquí escribindo sobre isto. Lembro cando escoitei por primeira vez a Golpes Bajos. Pensei: «Ese tipo é fantástico». Era Germán Coppini, probablemente o músico máis talentoso de toda aquela xeración. Estivera cos Siniestro antes de se xuntar con Teo Cardalda, que logo fixo aquela cursilada de Cómplices, para levar aquela explosión creativa olívica a unha nova dimensión.

Está por facérselle a grande homenaxe a Coppini. Está por colocalo no lugar da historia da música española que se merece. Moito están tardando.

Fenómeno lúdico

A movida foi, sobre todo, un fenómeno lúdico. Adóitase dicir que foi un fenómeno musical. Non o creo malia os Siniestro, Reixa e Os Resentidos, Bromea o Qué, Aerolíneas Federales, os xa citados Golpes Bajos, Semen Up e, se me apurades, incluso Club Naval, que era outra cousa pero tamén estaba alí. A movida foi unha explosión de diversión, drogas e moitísimo alcohol nunha cidade que comezaba a crerse que podía ser algo.

Logo entrou polo medio a política e xa se esfarelou todo. Lembro aquela horterada sucursalista que se montou o alcalde Soto e que se chamou Madrid se escribe con V de Vigo e que consistiu en traer aquí ás Alaskas e aos McNamaras para que se emborrachasen a conta do erario público. Había moita parvada. A moda de Vigo, as perruqueiras e perruqueiros, os fanzines, toda a Kultura, así, con K, alternativa, non era máis que xente facendo o que podía diante doutra xente mentres certos programas, sobre todo de Radio 3 e da segunda canle de TVE (ouh, aqueles tempos en que había programas de música na tele!) amplificaban o fenómeno vigués ata convertelo en asunto de interese en toda España.

Dicía Aute que ao final o que queda é a música. Sinceramente, coido que iso é o que nos queda 40 anos despois do inicio da movida. Algunhas cancións que se nos meteron no corazón e que non marcharán máis nunca.

Para min, teño a sensación de que a movida viguesa podería ter sido outra cousa máis grande de termos teimado no asunto punkie dos primeiros Siniestro. Aquelas letras de Matar jipis en las Cíes, Ayatollah no me toques la pirola ou Las tetas de mi novia representaban unha certa forma de actitude antisistema que é, pasadas estes catro decenios, o máis salientable. Hoxe os Siniestro estarían diante da Audiencia Nacional. Porque hoxe, a movida, sería apoloxía de calquera cousa penalizable pola Lei Mordaza.

Francisco Castro é escritor e editor de Galaxia.