Míriam Ferradáns álzase co premio de xornalismo Fernández del Riego

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Míriam Ferradáns, recollendo o premio Fernández del Riego.
Míriam Ferradáns, recollendo o premio Fernández del Riego.

A poeta de Bueu impúxose ás outras dúas finalistas: Patricia Hermida e Cláudia Morán

22 dic 2021 . Actualizado a las 17:53 h.

«Estou moi orgullosa de estar nominada con outras dúas mulleres, porque agora as mulleres temos a voz. E que saiban que non nola van quitar». Así, con esta afirmación de feminismo, quixo este mércores celebrar a poeta Míriam Ferradáns (Bon, Beluso, Bueu, 1982) o fallo que a acredita como gañadora do premio Afundación Fernández del Riego, na súa 18.ª edición, agradecendo ás súas compañeiras finalistas, Patricia Hermida (por Historia de como Avó Antonio subiu ao ceo) e Cláudia Morán (por Un deserto), poñeren en valor o xornalismo literario.

O acto de entrega celebrouse no Café Moderno Afundación de Pontevedra, onde o protagonismo foi para Ferradáns e o seu artigo Dalias, publicado en Nós Diario. Coa premiada, ademais de Hermida e Morán, estaba o director xerente de Afundación, Pedro Otero Espinar, quen lembrou que o gran obxectivo de este galardón é «dinamizar o panorama cultural de Galicia».

Tamén falou o presidente do xurado, Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, quen eloxiou o compromiso de Afundación coa cultura e quixo acentuar o valor do talento, que, engadiu, no caso das tres finalistas, «foi poñer en palabras as emocións e sentimentos profundos que todos temos. Os vosos traballos son moi intensos e están moi ben escritos. Vén unha nova xeración de escritoras nos xornais, as xornalistas literarias que engrandecen a nosa literatura», proclamou.