Árbore de Nadal

CULTURA

22 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Estamos ás portas do Nadal, tempo de celebrar o nacemento de Xesús de Nazaret e o solsticio de inverno. Este 2021 cadrou o martes, 21 de decembro, ás 16.58 horas, momento no que tamén comezou a estación invernal. Nese intre tivemos o día máis curto e a noite máis longa do ano, sendo a partir de aí cando volve medrar a luz. Coincide tamén cun período da antigüidade chamado Sol Invictus ou Sol Inconquistado, no que o astro rei vence a escuridade, motivo de culto á divindade solar tan popular na maioría dos pobos antigos.

A tradición do Nadal chegou ata os nosos días a modo de celebración relixiosa con moitos costumes que pensamos que levan con nós dende sempre, mais igual nin levan tanto tempo nin a súa orixe é tan puramente cristiá como pensamos. Unha desas tradicións é a da árbore, que se ben no meu caso lémbroa de toda a vida, os meus pais dicíanme que nas súas casas nunca se fixera. Recordo ir ao monte acompañando ao meu pai para coller un pequeno piñeiro ben feitiño e colocalo no salón da casa para decoralo con pequenas bólas de cores brillantes, grilandas, luces e algún que outro adorno. Afortunadamente as árbores de hoxe son maiormente artificiais.

Hai diversas historias con diferentes orixes sobre a árbore, e a maior parte delas están baseadas en antigas tradicións de pobos do norte de Europa. Pero quizais fosen os celtas os que máis destacaron no culto ás árbores. Dise que as adornaban con froitas e candeas durante os solsticios invernais como tratando de invocar o regreso da luz e a vexetación dende ese período escuro. Segundo iso, pode que as bólas que colgan das nosas árbores sexan unha reminiscencia daqueles froitos ao tempo que as luces quizais imiten aquelas candeas que lles puñan para pregar pola luz.

Trátase de tradicións moi antigas que o cristianismo adoptou e que chegaron ata hoxe dun xeito ben familiar para nós, mais a primeira árbore que se puxo nunha casa en España foi en Madrid, no nadal de 1870, e foi grazas a Sofía Trubetskaya, unha muller de orixe rusa pertencente á nobreza. A Galicia chegaron algo máis tarde a través de distintas influencias. Aquí aínda sobreviven tradicións antigas ben interesantes, pero esa é outra historia.