Mónica Alonso: «Colmeiro é un artista que presenta un grande interese a nivel cromático»

Melissa Orozco / C. A. A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

EDUARDO PEREZ

A mostra sobre a obra do autor inaugurouse este venres na Fundación Luis Seoane

18 dic 2021 . Actualizado a las 09:31 h.

A cor segue a ser unha sensación dependente da luz e do que os ollos conseguen captar. Pode converterse no selo e a pegada de moitos artistas. Quizais os máis memorables sexan aqueles que permiten que a cor se faga cargo do seu traballo ata chegar á sinestesia. Manuel Colmeiro (Chapa, Silleda, 1901-Salvaterra de Miño, 1999) foi un dos grandes artistas galegos que explorou a cor en todas as súas posibilidades. Creou unha simbiose perfecta entre este elemento e as emocións. A artista plástica Mónica Alonso (A Fonsagrada, 1970) quixo plasmar a importancia da cor na obra do pintor na exposición Colmeiro. Cor e sentimento, que se inaugurou este venres na Fundación Luis Seoane. Como comisaria da mostra propón un percorrido pola paleta cromática do creador pontevedrés que retrataba con morriña a Galicia do século XX.

—Como foi a organización das cen obras do Colmeiro?

—Este é un proxecto que empezou hai xa dous anos. Comecei a traballar coa visión dun artista que mira a obra doutro. Despois chegou a selección de obras, pois eu decidín centrarme na cor, Toda a selección da obra vén condicionada por esa distribución en cores. E tratei tamén outro tema que me parecía moi interesante como é por exemplo o fauvismo galaico, o bodegón, a abstracción, pero fundamentalmente a exposición se centrou no que expresa o propio título: Colmeiro. Cor e sentimento. Eu tamén quería entrar un pouco no que é a vida do autor. É dicir, tratei o tema do aprecio que sinte por Galicia, a tristeza ante a Guerra Civil ou a morriña, que é un sentimento que experimentan moitos galegos fóra da súa terra.

—Como artista plástica, que definición faría da súa obra?

—Eu creo que a súa obra sempre se investigou dende unha liña moi historicista, pero Colmeiro é un artista que presenta un grande interese a nivel cromático, xa que fai un uso, non só literal senón tamén emocional das cores. Por exemplo co azul, que é unha cor que emprega moito, e un azul que emprega en escenarios oníricos ou de recordos. E os verdes que poden asimilarse coa paisaxe, son verdes incendiados polo amarelo, son paisaxes moi vivas. A cor en Colmeiro é moi viva, moi contrastada, non estridente pero si extrema. Está en ese punto entre a tranquilidade visual de algo real e a excitación que el nos pode transmitir na elevación das cores.

—Tiña unha fixación por Galicia...

—Colmeiro tiña un grande aprecio por Galicia, a representou e a levou alí onde estivo. A miña teoría é que, ao marchar con 12 anos a Bos Aires, a aprendizaxe emocional que tivo ata esa idade en Galicia, e a súa paisaxe, todo quedou gravado profundamente no seu interior. Na Arxentina repite esa paisaxe galega e mantén un enorme desexo de volver. Por exemplo, en París segue pintando a súa terra. Atribúeselle sempre unha grande influencia de Cézanne, pero Colmeiro xa ten manifestado que nunca coñecera antes a obra de Cézanne. A súa pintura fauvista ten a súa orixe onde naceu, en Margaride, por iso se fala de fauvismo galaico.

—Que pasou na súa obra cando Colmeiro regresou á Galicia?

—Cando volveu de Bos Aires, se encontrou cunha Galicia deprimida, coa tristeza e dureza do mundo rural. E despois a grande angustia da Guerra Civil. Apetecíame moito tratar a morriña, xa que aínda que poda resultar máis evidente para o galego, non por iso deixa de ter unha necesidade de estudo e de reflexión sobre un artista que a viviu.

—Que papel xogaba a figura feminina para Colmeiro?

—El sempre se centrou na figura feminina, o eixe da súa creación, pona moito en valor e a considera moi importante. Tamén traballa o tema da maternidade, no que a figura da nai é fundamental. E sempre está volvendo sobre eses temas. Non é habitual encontrar figuras masculinas na súa pintura. Entre todos os retratos de familia que ten realizado, están o de seu pai, pero tamén o de súa nai, a súa muller Emilia e os seus fillos.

Unha viaxe que transcorre pola paleta de cores do artista

A mostra Colmeiro. Cor e sentimento foi presentada este venres na sede da Fundación Luis Seoane, na Coruña, e estará aberta ata o próximo 17 de abril do 2022. A exposición reúne un cento de obras de Manuel Colmeiro. Tamén inclúe dúas pezas audiovisuais realizadas para este proxecto: trátase da curtametraxe Código Colmeiro, dirixida por Alberte Branco e Adrián Canoura, e unha proxección sobre a intervención de Colmeiro no mural das Galerías Pacífico de Bos Aires.

Ademais dun profundo percorrido polo papel da cor na obra do artista, a exposición suscita o punto de encontro entre Seoane e Colmeiro, xa que para ambos o muralismo ofrece unha nova forma de chegar a todas as persoas. Esta parte do proxecto ten dous bosquexos que os artistas fixeron para a súa obra, xunto cunha selección de debuxos dos anos 30 que amosan a ruína da guerra.

As cen obras seleccionadas pola comisaria Mónica Alonso son na súa maioría óleos, e forman parte dos seis decenios de creación artística de Colmeiro.