Caneiro reúne en «Verín de Verín» un fato de historias de humor e amor sobre a súa vila

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

O escritor e columnista de La Voz de Galicia Xosé Carlos Caneiro
O escritor e columnista de La Voz de Galicia Xosé Carlos Caneiro Santi M. Amil

O escritor ourensán presenta o día 22 de decembro o seu novo libro, que recompila pezas xa publicadas en La Voz de Galicia

18 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor Xosé Carlos Caneiro reúne no volume Verín de Verín un fato de contos cheos de humor, amor e nostalxia sobre a súa vila. O libro compón un relato heteroxéneo de historias co eixo común da terra natal, ao que engaden que comparten a súa publicación orixinal nas páxinas de La Voz de Galicia. Foron as propias fillas do autor, Concha e Marta Caneiro Losada, as responsables de elaborar a selección de pezas que configuran o proxecto. O tomo —di o narrador— dá forma ao seu «universo vital e literario», «terra dentro», «meu sol de neno e esta chuvia de maduro escritor» e persegue sobre todo, incide, o sorriso do lector nestes feros tempos de covid que amosan, «espida», a fraxilidade do ser humano.

A Caneiro (Verín, 1963) acompañarano na presentación de Verín de Verín Román Rodríguez, conselleiro de Cultura; Gerardo Seoane, alcalde verinés; e o cantautor ourensán Emilio Rúa, quen amenizará o encontro coas súas músicas e que xa ten participado en diversos espectáculos poético-musicais con Caneiro. A cita será o mércores 22 de decembro no auditorio municipal, ás 19.30 horas.

Verín de Verín é o primeiro libro da colección da nova editorial Conmar, que, como o autor, ante este «episodio funesto» da pandemia tamén defende que «nunca foi máis necesaria a capacidade de facer rir ás persoas». Ata o momento a empresa tivera como principais focos de acción a realización de recitais poéticos, organización de festexos de índole literaria e a participación en actividades culturais.

O libro, anota a editorial, toma como fundamento o particular, o pequeno, para intentar convertelo en universal. Partir do nós («co noso diferenciado modo de ser e a nosa retranca») para debuxar situacións de fino humor que poidan chegar a calquera parte do mundo.