Coa causa oteriana

CULTURA

17 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O venres, 10, Trasalba, na Casa Grande de Cimadevila, foi escenario durante oito horas dun encontro intelectual sobre a obra —a oceánica obra— de Ramón Otero Pedrayo (ROP). Abriuno o presidente da Fundación Otero Pedrayo, Eduardo López Pereira, e coordinouno e moderouno Ramón Villares, ilustre oterólogo e director do Centro de Estudos Oterianos. Baixo o título A obra de ROP e o seu estudo: un estado da cuestión, disertaron: X. Alonso Montero (Bibliografía e hemerografía: que facer?), Patricia Arias Chachero (Biografía), Víctor F. Freixanes (Obra xornalística), Augusto Pérez Alberti (Xeografía), Carmen F. Pérez-Sanjulián e Xosé Manuel Salgado (Narrativa), Xosé Ramón Quintana (Pensamento e acción política), Pegerto Saavedra e Ramón Villares (Obra historiográfica) e Iago Seara, o meticuloso arquitecto da fundación (O territorio de OP, sitio histórico). Non puido asistir a profesora Dolores Vilavedra (Obra literaria). Nesta limitadísima nómina de estudosos creo que son todos os que están pero non están todos os que son (Patterson, Carlos A. Baliñas, Afonso V. Monxardín, Henrique Monteagudo...). Sáibase, sen embargo, que existe a proposta de convocar novos e próximos encontros.

Nun tempo no que cada vez se le menos (certo tipo de escritos), Otero Pedrayo, autor non exento de dificultades para determinados públicos, é un escritor moi pouco lido, sendo, sen dúbida, polo conxunto da súa inxente e multifacética obra, a personalidade literaria máis rica e ambiciosa que produciu Galicia. Pensando nos escolares de Secundaria, que é o futuro da lectura (e do país), cómpre facer o esforzo de elaborar antoloxías breves (poesía, conto, artigos...) e colectáneas pedagóxicas para que os novos lectores non deixen de oír unha voz tan polifónica, tan auténtica e tan ao servizo da Causa do Espírito.

Nun descanso, Augusto Pérez Alberti, o xeógrafo do simposio, explicounos, desde un mirador privilexiado, a noción oteriana de bocarribeira. Ante nós, o río Miño debuxaba un longo e fermoso ese. Será por iso polo que importantes personaxes de don Ramón se chaman Solovio, Soutelo, Silva...? Alguén o suxeriu coas debidas cautelas.