O rei Ponthus

CULTURA

16 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A miña tía Remedios, muller devota con fondas conviccións relixiosas e lectora empedernida, finou camiño dos 90 anos. Era unha excelente narradora de contos tradicionais; uns de orixe pagá, outros cristiá, ás veces mesturados e outros con claras influencias de determinadas literaturas populares como as derivadas do ciclo bretón. Non era difícil escoitarlle historias onde o mago Merlín ou o rei Artur tiñan especial protagonismo, así como tamén as clásicas lendas onde os mouros e as mouras eran os actores principais.

Era unha impresionante portadora da tradición oral cun repertorio inacabable da que a penas me quedan diluídos recordos. Cando ela finou eu tiña 13 anos e as miñas lembranzas están lonxe no tempo, mais iso non impediu que eu relacionase os recordos daquelas historias fascinantes con personaxes que fun coñecendo no tempo. Mágoa non ter naquela altura o interese que teño agora por estes temas e por suposto a tecnoloxía adecuada para poder facerlle gravacións e que alomenos parte do seu legado non se perdese.

Non hai moito, remexendo nun portal dixital de cultura bretoa atopei unhas estampas dunha novela nas que o protagonista era un imaxinario rei galego chamado Ponthus, e de novo lembrei á tía Remedios. A novela anónima escrita na Bretaña está feita en prosa e foi publicada entre 1390 e 1425. O argumento desa obra xira arredor do romance do rei galego Ponthus coa princesa bretoa Sidonie e está enmarcado dentro dunha truculenta historia onde as incursións sarracenas a Galicia e outros lugares de Europa marcaban o desenvolvemento dos acontecementos. A historia é ben curiosa e a min particularmente chamoume a atención que o protagonista principal fora o rei galego Ponthus.

Buscando un pouco máis, cheguei a distintas achegas ben interesantes referidas a esta novela feitas dende aquí tanto no ámbito da música como no da literatura. Sen lugar a dúbidas, este podería ter sido algún daqueles contos da tía Remedios e aquí é onde me entra a vertixe de pensar canto se perde coa desaparición de cada unha destas portadoras de tradición. Con elas marcha boa parte da nosa esencia e do que aínda somos no mundo. Sorte que todo isto aínda non é unicamente pasado.