Gañadores do Raiña Lupa fan unha homenaxe a Agustín Fernández Paz

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Agustín Fernández Paz.
Agustín Fernández Paz.

15 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Deputación da Coruña fará mañá unha homenaxe ao escritor Agustín Fernández Paz, o que fora o primeiro gañador do premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil. Será nun acto aberto ao público, que dará comezo ás 19.00 horas. Nel participarán diversas figuras da literatura galega que tiveron estreira relación co autor e coa súa obra, como son a escritora e académica Fina Casalderrey, o editor Manuel Bragado, o escritor Paco Martín, a escritora Rosa Aneiros, e a tradutora Isabel Soto.

No mesmo acto, tamén se presentará o caderno-homenaxe Palabras para voar no que varios autores e autoras gañadoras do Premio Raíña Lupa lembran en primeira persoa a súas vivencias en relación a Agustín Fernández Paz. O volume, que foi coordinado pola comisaria do Premio, Helena Torres, inclúe ilustracións de Xosé Cobas e será entregado de balde ao público asistente ao acto.

Doutra banda, o ilustrador Miguelanxo Prado tamén se sumou a esta homenaxe creando unha imaxe específica para esta cita, en lembranza dos anos de amizade e de colaboración artística que compartiron ilustrador e autor. A partires desta imaxe, realizáronse marcapáxinas que tamén estarán dispoñibles para o público asistente á homenaxe.

En 1998 o escritor Agustín Fernández Paz resultaba gañador da primeira edición do Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil coa obra Cos pés no aire. Neste 2021, cando o Premio acada a súa XV edición, a Deputación da Coruña homenaxea a figura e a obra do escritor e pecha as actividades literarias do ano.