A Real Filharmonía estrea a «música feliz» da ópera de Fernando Buide e Quico Cadaval

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Quico Cadaval, Fernando Buide e Paul Daniel bromean ao remate dun dos ensaios da ópera.
Quico Cadaval, Fernando Buide e Paul Daniel bromean ao remate dun dos ensaios da ópera. Paco Rodríguez

«A sombra de Cristal» representarase este xoves e este venres en Santiago

10 dic 2021 . Actualizado a las 14:23 h.

O rico Uberto e a criada Serpina de La serva padrona (1733) de Pergolesi transfórmanse en Trocado, un conselleiro da Xunta, e Cristal, a súa xefa de prensa, na tamén ópera cómica A sombra de Cristal composta por Fernando Buide (Santiago, 1980) con texto e dirección escénica de Quico Cadaval (Ribeira, 1960). A Real Filharmonía de Galicia estrea este xoves a peza no Auditorio de Galicia en Santiago (20.30 horas) e volverá a representala o venres. Precisamente, ambas óperas bufas conformarán o repertorio dos concertos nos que a orquestra contará coas voces da soprano María Hinojosa e do barítono César San Martín, así como co actor Víctor Mosqueira.

A sombra de Cristal, froito dun encargo conxunto da Real Filharmonía de Galicia e a Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, destaca pola súa singularidade, apunta o director da orquestra, Paul Daniel (Inglaterra, 1958). «É diferente en si mesma. É como un coitelo afiado; algo moi rápido. A relación entre o texto, a música e a orquestración ten que ser moi lixeira, pero ao mesmo tempo moi incisiva. E iso é pouco habitual», afirma, ao tempo que destaca a habilidade de Fernando Buide para crear unha ópera cómica contemporánea. «Non hai tantos compositores que poidan traballar con intelixencia un libreto e ser capaces de escribir música que fai rir á xente [...] Moitos compositores teñen o seu propio estilo, pero o rango estilístico e emocional de Buide é moi amplo», detallou o mestre británico.

Para o compositor compostelán, o proxecto supuxo a súa segunda ópera despois de A amnesia de Clío (2019), tamén estreada pola Filharmonía, pero a primeira cómica: «O maior reto era que a música non matara o espírito do texto de Quico Cadaval, o humor, a comicidade que tiña». Precisamente, o autor do libreto explica que a súa pretensión era «facer un texto cómico, pero outra cousa é que o consigas. Cando me atopei coa música de Fernando entendín o que era que a propia música faga os gags e contribúa a ese carácter».

Inversión de roles

Quico Cadaval, que afrontaba o seu primeiro libreto, detalla que a proposta consistía en realizar unha versión contemporánea de La serva padrona. «A ópera de Pergolesi parte dun mecanismo cómico, que é a inversión de roles: a criada manda no amo. Entón, a encomenda era facer un argumento contemporáneo con esa inversión de roles. Neste caso, son un conselleiro e a súa xefa de prensa», di. En base a isto, envioulle os textos a Buide, tal e como lle pedía para a partir deles crear a peza musical. «Creo que na ópera a música acaba mandando, pero non porque teña máis importancia que o texto. A música que escribo son as impresións que me produce o texto de Quico», resalta o compositor engadindo que «toda a rapidez e aceleración que ten o texto conseguimos transmitila cunha orquestra de primeiro nivel, como é a Filharmonía, e dous solistas fantásticos». Nese sentido engade que, «do principio ao final, a ópera non perde ese pulso acelerado, ese latexo tan intenso que ten o texto». Para Quico Cadaval, o resultado «é unha música feliz —á que tamén se refire en certo xeito Paul Daniel—, o que é unha característica da comedia pero que a modernidade esqueceu un pouco».

Buide e Cadaval levan traballando en A sombra de Cristal desde febreiro para lograr ese encaixe entre música e texto durante 45 minutos, nos que tamén hai referencias a La serva padrona. «Varias das súas melodías serven de base á música que eu escribín, ademais de múltiples citas musicais que van desde ABBA a Puccini motivadas polo libreto», afirma o compositor, que tiña como meta «ter corenta músicos e dous cantantes e conseguir dalgún xeito que a música pareza improvisada e feita no momento».

A estrea será cunha montaxe semiescénica. «Polo covid, a orquestra non pode baixar ao foxo, pero tamén quería que a música tivese un protagonismo visual», explica Cadaval, que incluíu ao actor Víctor Mosqueira para acompañar á soprano e ao barítono. «Hai un pouco de desacralización do espazo», di incidindo na oportunidade que supón de gozar da música contemporánea. «Aqueles que pensan que escoitar música de orquestra é entornar os ollos, poñer cara de interesantes e estar pegados á música romántica, verán que hai música contemporánea», afirma para animar a ver A sombra de Cristal, que tamén se poderá seguir por streaming. Tanto ao compositor como ao autor do libreto gustaríalles que a ópera teña novas representacións.