A produción dirixida por Chelo Loureiro, que opta ao premio Goya á mellor película de animación, ofreceu en Ourense un pase para o público infantil
03 dic 2021 . Actualizado a las 18:27 h.O Teatro Principal de Ourense viviu este xoves unha sesión moi especial. E o resultado do exame, en base ás reaccións dos espectadores, non puido ser mellor. A protagonista do pase foi a película de animación Valentina —que xa está na carreira dos Goya e que se estreará en salas o vindeiro venres— e os examinadores foron uns espectadores de porte pequeno, aos que se facía difícil acougar antes da sesión e que ían vestidos cos uniformes dos seus respectivos colexios.
A película de animación é un proxecto desenvolvido por Chelo Loureiro —que exerceu de guionista, produtora e directora— e conta a historia dunha nena e o seu soño. Valentina é unha rapaza con síndrome de Down que desexa ser trapecista. Fronte aos que lle queren cortar as ás e lle transmiten os seus peores agoiros, conta co apoio incondicional da súa avoa e a mensaxe clara que ela lle transmite: «Se os vermes se converten en bolboretas, por que ela non vai ser trapecista».
Na preestrea de Valentina, Chelo Loureiro e Lucía Serén —a rapaza con síndrome de Down que pon a voz da protagonista na versión orixinal en galego— incidiron nos valores e singularidade desta proposta artística. Loureiro lembrou que as persoas con este síndrome ou con calquera discapacidade teñen as mesmas ilusións que calquera outra: «A mensaxe de Valentina para todos nós, nenos e adultos, é que non podedes permitir que vos corten as ás para voar e que o ceo é enorme para todos», alentou. Tamén incidiu en aspectos que singularizan a cinta: «Cando vedes as películas de animación nunca sabedes onde están situadas nin coñecedes os sitios onde se desenvolven. Aquí veredes que Valentina e os seus amigos camiñan polas rúas de Ourense, porque ela vive nesta cidade, e tamén aparece por aí un peliqueiro. Queremos que alá por onde vaia, porque o filme percorrerá moitos países, Valentina lle faga saber que en Galicia temos unha cultura e unha lingua propia». Lucía Serén dixo sentirse moi feliz participando no proxecto promovido por Chelo Loureiro.
Para realizar a peza audiovisual a súa autora contactou con diferentes asociacións a nivel autonómico e estatal para desenvolver a personaxe. Valentina foi escrita en colaboración con Lúa Testa e o deseño dos protagonistas e os escenarios foi responsabilidade do ilustrador David Pintor. No apartado musical contouse, entre outros, con Emilio Aragón —que escribiu unha canción para a película— e Andrés Suárez. Na preestrea o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar Blanco, sinalou que a axuda económica ao proxecto enmárcase na aposta da institución polo sector audiovisual, «o que inclúe os apoios ás rodaxes e ao OUFF, o Festival de Cine Internacional de Ourense, que xa camiña cara a súa 27.ª edición».