Proxecto Toponimia de Galicia recupera 160.000 microtopónimos recollidos entre os anos 2000 e 2011
CULTURA
O concello que encabeza a relación de topónimos incluídos desta volta é Muras, con 5.690
01 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A aplicación Galicia Nomeada incorporou 160.000 microtopónimos recollidos entre 2000 e 2011 a través do Proxecto Toponimia de Galicia (PTG). A plataforma impulsada pola Real Academia Galega (RAG) e a Xunta para recuperar os nomes da terra, posta en marcha a finais do 2019, xa incorporara o 60 % dos 400.000 microtopónimos ao seu visor. Os demais estaban pendentes de dixitalizar. A recolleita de campo foi realizada naquel momento localizando os nomes á man en ortofotos aéreas impresas.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia completou o proceso, subindo á mesma aplicación os 160.000 nomes restantes de montes, devesas, leiras, penedos, praias, fontes ou regatos, dispoñibles agora na Rede para toda a cidadanía. O traballo de xeorreferenciación desta microtoponimia foi realizado nos últimos anos polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), organismo cartográfico da Xunta dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, con cargo ao proxecto europeo GEOARPAD Patrimonio cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. No marco deste proxecto de dixitalización do patrimonio cultural colectivo tamén se creou a propia aplicación colaborativa Galicia Nomeada e o portal para a difusión da Toponimia de Galicia.
Con esta contribución, o proxecto xa suma máis de 500.000 topónimos xeorreferenciados para consulta e descarga libre.
Os últimos microtopónimos do PTGa subidos forman parte de 184 concellos das catro provincias, o que supón case o 60% do total de municipios. O concello que encabeza a relación de topónimos incluídos desta volta é Muras, con 5.690. A continuación están A Veiga, con 5.155, e outros nove concellos con máis de 4.000 topónimos: Coristanco, Ourol, O Corgo, Mondoñedo, Guitiriz, Xermade, Castroverde, O Pino e Entrimo.