George Harrison, o xigante entre xigantes

CULTURA

THE BEATLES EN 1969
THE BEATLES EN 1969

Cúmprense este luns 20 anos da morte do guitarrista dos Beatles

28 nov 2021 . Actualizado a las 21:49 h.

Este luns hai 20 anos morría George Harrison. Lembro como me enterei. Os móbiles aínda non tiñan internet incorporado pero podías subscribirte a servizos de alertas con noticias que che interesasen que chegaban por sms. Era a Prehistoria Dixital. Estabamos en clase. Eu era profe daquela. Case que ninguén tiña móbil aínda. Pitoume na aula. A cativada ergueu as cabezas do exame. Fitáronme e, pola expresión grave da miña cara, alguén preguntou: Fran, que pasa? Dixen: George morreu. Non tiven que aclarar que era Harrison. Xa todos sabían. Fixeron o exame e botamos o resto da semana falando non de Marx ou Kierkegaard, como responsablemente debía falarlles, senón daquel músico que viña de morrer nunha casa propiedade de Paul McCartney. Buscaba paz para eses días derradeiros. Non quería que o seu pasamento fose un espectáculo. Dúas semanas antes comeu con Ringo e con Paul. Este non lle soltou a man durante varias horas. Sabían que estaba morrendo. Sabían que era a despedida. Paul, cada vez que interpreta Something di verbas de amor sobre quen el chama «o meu irmán pequeno».

George e Paul collían xuntos o autobús no cruce de Penny Lane cando eran nenos. E nun bus de dúas alturas tocou diante de John Lennon. Este, impresionado, fichouno para os Beatles malia que non lle chistaba meter no grupo a alguén tan noviño pois George tiña 14 anos. Logo, ese rapazolo arrastrou aos Beatles á India, a meditar, a facer un chisco máis profunda a súa vida e, por extensión, a súa arte. Como recentemente dixo McCartney, rematou por ser un home moi sabio.

Hai uns meses volveu publicarse a súa autobiografía (que Lennon odiaba porque nin se lle cita), titulada I me mine, coma unha das cancións do derradeiro disco dos de Liverpool. É un libro no que se define como un xardineiro ao que lle gusta ver pasar a auga do río. Non é unha mala definición pois George loitou toda a vida por ser un home tranquilo. Por iso foi o primeiro en cansar dos Beatles. Non aturaba o rollo da histeria, de vivir agochado nun hotel e non poder ver as cidades que visitaban, farto de que non se escoitase a música que tocaban, de vivir sempre rodeado de cámaras que gravaban a súa vida. Os Beatles deixan as xiras en 1966. A idea foi de George. Nin sequera iso: limitouse a dicir que el non saía máis de xira. Punto.

John e Paul non lle deixaban meter máis que unha ou dúas cancións por disco. George tiña unha especie de cota e el sabíao. Quizais por iso moita xente pensa que os grandes xenios dos Beatles eran Paul e John, pero a quen así pensa hai que lle lembrar que cando os Beatles comezan facer augas como grupo, quen brilla é Harrison. Do Álbum Branco non se poden ter dúbidas de que a mellor canción é de Harrison: While my guitar gently weeps. Cando lla presentou aos outros dous, na súa casa de Esher (el tiña un estudo de gravación e alí remataban ensaiando os catro antes de entrar no estudio) nin a consideran. Non lles gusta. E no álbum derradeiro, o maxistral Abbey Road, as dúas cancións mellores son, con moita diferenza, Something e Here comes the sun, de George. Naquela altura, cando os Beatles están a piques de se romper, el fai cancións e cancións de maneira desbordante. Decide nin ensinarllas a John e Paul. Para que? Non lle farían nin caso. Por iso, en canto os Beatles se separan en 1970 e comeza o gran debate sobre se será John ou Paul o primeiro en triunfar en solitario, vai George, o beatle discreto e caladiño, e publica un triple LP titulado All things must pass que é unha obra de arte que, incluso a día de hoxe, nos provoca mareos na súa perfección. Como abaneando quedaron Paul e John diante do traballo daquel neno pequeno que, semellaba, non tiña a súa altura.

Foi un xigante entre dous grandes xigantes. Pero un xigante. Dúas décadas despois da súa morte, parécenos aínda máis grande.

Francisco Castro é escritor e editor.