Manuel Rivas viaxa á Coruña obreira e libertaria de 1909 en «A nena lectora»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Marcos Míguez

O libro reivindica a conquista de dereitos, sobre todo un: o dereito a soñar

28 nov 2021 . Actualizado a las 22:41 h.

A pequena Nonó vive cos seus pais —Helenio, trapeiro, e Leonor, misteira—, o seu irmán, Liberto, e as súas irmás xemelgas, Idea e Sol. Unha unidade familiar que ocupa unha casiña no arrabalde da Gaiteira da Coruña, a carón de río Monelos e que completan un burro, Sócrates, e un can, Darwin. A Manuel Rivas (A Coruña, 1957) abóndalle a primeira páxina de A nena lectora (Xerais) para presentar os habitantes do seu novo libro, enfiado con palabras e as ilustracións de Susana Suniaga.

Texto e imaxe propoñen unha viaxe á Coruña de 1909, en vésperas da Semana Tráxica, a unha cidade onde a cultura obreira e libertaria está moi presente. Calcúlase que dunha poboación de 50.000 arredor de 4.000 son cigarreiras da Fábrica de Tabacos, ás que se suman as misteiras. Elas serán vangarda nunha loita por conquistar dereitos laborais, aos que Rivas e Suniaga engaden outro igual de fundamental: o dereito a soñar. «Os libros de historia son moi importantes, pero considero tamén que a boca da literatura pode achegar unha historia máis vívida, onde collen máis matices e máis próxima á xente», reflexiona o autor.

Da man de Nonó e a súa familia van agromando moitos temas en A nena lectora: a vida sacrificada das clases traballadoras, o da fe na instrución e na cultura como ferramentas de progreso, a guerra de Marrocos, o ambiente fabril das cigarreiras, as enfermidades letais e incurables... É un relato breve, mais que na súa formulación condensada inclúe a ambición dunha novela e o retrato dun mundo que a Rivas «conmove e emociona».

Ese mundo no que hai quen procura avanzar cara ao novo século mentres outros teiman en privilexios decimonónicos xa estaba noutras obras de Rivas como Os libros arden mal, en cuxas páxinas había anarquistas naturistas e cultos. «Teño a sensación de que mesmo son quen de camiñar por esa cidade», evoca o escritor. Porén, non é a única obra de Rivas coa que emparenta A nena lectora. Tamén en As voces baixas, un retrato dun tempo e dunha familia, a súa, o autor describe a chegada temperá da súa vocación literaria coa potencia dunha epifanía: ese intre no que a súa irmá le para a veciñanza, que a recompensa con caramelos. «E uvas e plátanos», lembra Rivas. «Si, ela tamén era unha nena lectora», confirma. «Aí tiven claro que eu tamén tiña que aprender a ler canto antes».

Como fixeron Rivas e a súa irmá na infancia, Nonó convértese en lectora, o que permite que o libro sexa unha homenaxe a ese acto de compartir que é ler en voz alta, ademais dun recoñecemento a iso que o escritor chama «a boca da literatura». Aí conflúen Víctor Hugo e os seus Miserables, Dickens e Oliver Twist, pero, como non, tamén Emilia Pardo Bazán e a súa Tribuna. Son luzadas de esperanza que iluminan tempos convulsos, onde tanto os militares poden petar nunha porta para levarse a alguén á guerra, como por esa mesma porta entra a tise para levarse aos máis febles. Hai conforto na literatura, mais tamén fe no progreso que traen a lectura e o ensino —aí están esas escolas racionalistas de noite—, así como un humor que é tanto mecanismo de autodefensa como mostra de intelixencia e dignidade.

 Non é a única novidade de Manuel Rivas. O vindeiro martes, día 30, presentará tamén na Coruña (Moito Conto, 19.00 horas), o seu último poemario, O que fica fóra (Apiario). Nesta ocasión, o escritor estará acompañado polas súas editoras, Antía Otero e Dores Tembrás, coas que conversará sobre o proceso creativo dos textos e poemas visuais, antes de recitar algúns poemas.