Xosé Carlos Caneiro participa no encontro mundial Los Borgeanos en torno ao escritor arxentino

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Estatua que recuerda a Borges en los jardines de la Biblioteca Nacional de la República Argentin
Estatua que recuerda a Borges en los jardines de la Biblioteca Nacional de la República Argentin

O autor galego abordará a súa obra narrativa e poética en diálogo con Esteban Pinotti

24 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Los Borgeanos, reunión mundial é o título dun encontro telemático que reúne a diversos especialistas no escritor arxentino, e que conta coa participación do galego Xosé Carlos Caneiro. A súa intervención terá lugar mañá, día 25, e consistirá nunha charla co avogado e divulgador da obra de Jorge Luis Borges Esteban Pinotti, unha conversa na que se abordarán tanto a súa obra narrativa como poética.

O escritor e columnista de La Voz de Galicia Xosé Carlos Caneiro
O escritor e columnista de La Voz de Galicia Xosé Carlos Caneiro Santi M. Amil

Xosé Carlos Caneiro (Verín, 1963) ocupouse polo miúdo da figura e a obra de Borges nunha biografía publicada xa no ano 2003. Dos moitos títulos do arxentino, Caneiro escolle catro para propoñer unhas reflexións que dan idea da altura literaria e profundidade do escritor, que asinou obras mestras como El Aleph. Deste libro di Caneiro: «Cabe no volume o máis estraño e inverosímil dende a máis absoluta naturalidade. Imprégnanos coa súa sabedoría, emociónanos coa súa sensibilidade, pertúrbanos cos seus símbolos. O Aleph: o lugar onde están, sen confundirse, todos os lugares do orbe vistos dende todos os ángulos. Están presentes, polo tanto, os temas que obsesionaron ao seu autor: a identidade, a morte, a transcendencia, a metafísica, o destino». O autor galego destaca tamén Historia de la eternidad. «O ensaio que inicia e titula o libro é unha lúcida reflexión sobre o tempo e a súa negación. Imprescindible. En La doctrina de los ciclos reinterpreta a teoría do eterno retorno do seu amado Nietzsche. Imprescindible para os amantes de Nietzsche e para os amantes de Borges», afirma.

Outra faceta que abordará Caneiro é a poesía do arxentino, e que foi recompilada nun só volume. «A obra poética de Borges resulta orixinal, perturbadora, sabia, eminentemente metafórica, vivencial, opaca e transparente a un tempo, vívida, irónica, transcendental. Escoller un só libro resulta imposible. Abondan os textos en prosa en textos como El hacedor ou La moneda de hierro. El otro, el mismo compila os versos editados por Borges entre 1930 e 1960. El considerábao o seu mellor libro», explica. Por último, Caneiro escolle tamén La cifra, un libro de 1981 que é un canto a María Kodama, cunha dedicatoria ou inscrición que, no seu propio acto, Borges consideraba como un acto máxico.

Los Borgeanos propón un achegamento á obra de Borges a través de xogos de imaxinación e unha conexión a través das emocións. Tamén se sorteará unha viaxe a Arxentina.