A Galicia do reinado de Afonso X íspese de tópicos

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

INTERNET

O Consello da Cultura publica unha monografía que revisita o paradigma sobre o reino galego durante a Idade Media

24 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Case é posible escoitar crebar os tópicos, un detrás do outro, mentres José Miguel Andrade, Diana Pelaz e Henrique Monteagudo falan. Non, Galicia non esmoreceu baixo os reinado de Afonso X. Non, o poder non estaba só en mans masculinas nin a raíña Violante era unha excepción na súa época. E non, a lingua galega non se beneficiou de Afonso X. Máis ben foi o rei Sabio o que tirou proveito do uso do galego.

O Consello da Cultura presentou onte Galicia no tempo de Afonso X, unha monografía que vén desmontar imaxes preconcibidas sobre un monarca que tivo moi presente Galicia aínda que en realidade non tivera case presenza en Galicia.

«O rei ten unha preferencia moi clara por Andalucía e por Murcia». Explícao Andrade Cernadas, profesor de Historia Medieval da Universidade de Santiago e, canda Simon Doubleday, coordinador dun libro no que a través de nove artigos confróntase diferentes crenzas arredor do que era Galicia no Medievo. Se cadra prefería o sur (e Sevilla en particular) pero non visitar frecuentemente o norte non significaba que non tivese importancia: boa parte dos ingresos orzamentarios da Coroa procedían das rendas de Galicia. De Galicia eran tamén algúns dos seus colaboradores máis estreitos e a nobreza galega participou nas campañas militares na fronteira andalusí e no proceso de colonización.

Ese é o principal tópico do que se ispe o rei Afonso X nesta monografía: ao contrario do que se converteu na tese dominante dos estudos medievais, coa unificación dos reinos de Galicia e León por parte do pai do Sabio, Fernando III, non comezou o proceso de marxinación política de Galicia.

E menos no eido cultural, de enorme transcendencia histórica. E non é para menos. «As Cantigas de Santa María hai que entendelas dentro do seu proxecto político-cultural», explica Henrique Monteagudo. Se o rei era daquela un primo inter pares, Afonso X aspiraba a unha acumulación de poder na figura do monarca que o situase no lugar do mandatario único. E utilizou a cultura para enfrontarse non só á nobreza. Tamén ao poder eclesiástico.

 A lírica trobadoresca é un fenómeno monopolizado pola nobreza e Afonso, para restar protagonismo deulle moita cancha aos xograres, plebeos e que ademais procedían fundamentalmente de Galicia. «El, como trobador, cultivou fundamentalmente poesía satírica», e moita dela sátira política que confrontaba sobre todo á nobreza pero tamén á Igrexa. O seu enfrontamento era tamén co Arcebispado de Santiago, tentando incluso neutralizar o culto xacobeo.

A historia fala, fundamentalmente, de homes. Pero non foi construída só por homes e o poder non só estaba en mans masculinas. Diana Pelaz é unha investigadora da USC que le con outros ollos —os da perspectiva de xénero— a documentación histórica. E desa lectura xorden mulleres poderosas. E dende logo, non son excepcionais no percurso da historia. «Non ten que ver só coas mulleres rexias. Podemos atopar moitos exemplos de mercaderas, mulleres que inflúen dende a política e dende a nobreza, monxas e abadesas con desenvolvemento cultural..». A falta de poder das mulleres rexias é un tópico que debe desaparecer. A raíña Violante, por exemplo, tivo un importante labor diplomático por exemplo, pero o poder feminino non é só cuestión do reinado de Afonso X: é parte dunha tradición medieval europea.