Discos, libros e seminarios festexan o oitocentos aniversario do rei Afonso X

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Ilustración extraída del Códice de los Músicos de Alfonso X, con el rey en el centro.
Ilustración extraída del Códice de los Músicos de Alfonso X, con el rey en el centro.

Da música á lingua, da política á historia, analizan as súas diversas caras

23 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Este martes conmemóranse oitocentos anos do rei que naceu en Toledo o 23 de novembro de 1221. Oito séculos que non fixeron máis que acrecentar o interese polo legado de Afonso X, alcumado O Sabio, susceptible de ser analizado desde as perspectivas máis diversas: a historia, claro, pero tamén a política, a lingua e a música, entre outras.

Aínda que son varias as iniciativas que foron poñendo o foco nos últimos meses e semanas na figura do monarca, coincidindo coa efeméride danse unha serie de actividades que festexan e analizan tanto o home como o rei e o intelectual. Este luns presentouse no Centro Ramón Piñeiro o volume Alfonso X y Galicia, coordinado polas especialistas Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Gradín. Pola súa banda, o Consello da Cultura Galega tamén presenta este martes a súa propia publicación, Galicia no tempo de Afonso X, da coordinación de Simon R. Doubleday e José M. Andrade.

Esta achega máis académica ten tamén unha correspondencia no seminario do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento No 800 aniversario de Afonso X, o Sabio. Celébrase hoxe e mañá no antigo hospital de San Roque e entre os temas que se abordarán figuran as Cantigas de Santa María pero tamén o cancioneiro profano e a cultura trobadoresca no século do monarca. Os éxitos e fracasos do seu reinado, a relación cos xudeus e o seu legado político e historiográfico centran algunhas das intervencións. No programa figuran especialistas como Brea e Lorenzo Gradín, xunto con Henrique Monteagudo, José António Souto Cabo, Esther Corral Díaz, Elvira Fidalgo, Ricardo Pichel e Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, entre outros. 

Cantigas gravadas

Ademais de ler e afondar sobre o que significou Afonso X na cultura do seu tempo e a súa influencia posterior, hai un xeito directo que viaxar a través dos séculos e gozar do patrimonio cultural que deixou como herdanza: escoitar as Cantigas de Santa María nalgunha das múltiples gravacións dispoñibles. Trátase dun corpus fundamental no repertorio dos grupos e especialistas na música antiga, que foron variando as súas perspectivas a medida que se investigaban as composicións dende o punto de vista musicolóxico. En 1968 o selo Hispavox xa publicou unha escolma destas pezas líricas marianas, baixo a dirección de José Luis Ochoa de Olza. Un traballo pioneiro que se enmarca nunha atención prolongada que chega mesmo ata hoxe. Por exemplo, o conxunto Capella de Ministrers, coa dirección de Carles Magraner, vén de publicar un disco con 19 cantigas. Tamén é novidade un dobre cedé que aparece da man de Eduardo Paniagua, sen dúbida o artista que máis está a facer por dar a coñecer as Cantigas. Primeiro en Sony e logo no seu propio selo, Pneuma, Paniagua xa editou medio cento de discos que van recompilando seleccións das cantigas, agrupadas por criterios xeográficos, dos personaxes que nelas apareceu ou por milagres, por exemplo. Nesta liña, vén de aparecer Cantigas del Este de Francia, que se achegan aos textos con vinculación á Provenza e Auvernia.

Grandes nomes da música antiga, como Jordi Savall e conxuntos como o Ensemble Gilles Binchois e The Duday Collective, contan coas Cantigas na súa discografía. E os grupos galegos tampouco foron alleos a estas pezas de Afonso X. O Grupo Universitario de Cámara da Universidade de Santiago, dirixido por Carlos Villanueva, gravou oito cantigas, igual número que figura no disco de Martín Códax Por que trobar é cousa en que iaz. Igualmente, dende a escena folk tamén houbo achegas ás Cantigas, como as de grupos clásicos no panorama, Doa e Luar na Lubre.