XPo Ferens

Bieito Romero
bieito romero O SON DO AR

CULTURA

Ramón Leiro

23 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

ende hai anos, nos concertos de Luar Na Lubre, vimos defendendo a tese da suposta orixe galega de Cristovo Colón. Falamos disto na presentación dun pasacorredoiras recollido no prestixioso cancioneiro do mestre folclorista Casto Sampedro Folgar, quen no seu momento foi o primeiro director do museo arqueolóxico de Pontevedra e defensor tamén da teoría do Colón galego. Este tema tocámolo en moitos lugares do mundo e na maioría dos casos o público sorrí cando falo deste asunto. Procuro presentar a historia de xeito distendido, pero insisto en que é moi posible que nacese en Poio, recalcando que teorías tan argumentadas como as galegas respecto a este personaxe non as hai en ningún outro lugar. Don Celso García de la Riega foi o iniciador deste interesante estudo; el afianzou o camiño desbaratando practicamente a orixe xenovesa do personaxe. Que a nave capitá daquela expedición fose a Santa María e que puidese ser construída nos estaleiros da Moureira en Pontevedra co nome orixinal de «La gallega» é un importante dato revelador, como tamén o cambio de nome a Santa María en honor á patroa histórica de Pontevedra é ben curioso. Que cando Colón chegou a América puxese os nomes de San Salvador, patrón de Poio e Santa María da Concepción patroa do mesmo lugar como primeiros topónimos é, cando menos, significativo. E así temos ata máis de cen nomes máis correspondentes con outros tantos das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa. Xamaica foi chamada Illa Santiago cos ríos Miño e Xallas e iso non parece feito por un italiano, portugués, xudeu ou catalán, pobos defensores doutras teses. Tamén resulta moi relevante que agochase tanto a súa verdadeira identidade. Un dos grandes estudosos da tese galega foi o capitán da mariña mercante e investigador Alfonso Philipot. Os seus estudos son ben interesantes e relacionan directamente a Colón co cabaleiro medieval galego Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido popularmente como Pedro Madruga, nobre galego que loitou contra os Irmandiños e contra os Reis Católicos; el podería ser a clave da misteriosa identidade de quen se agocha detrás da críptica sinatura do navegante: XPo FERENS: tal vez Cristovo Pedro Fernándes Eanes? Poida que algún día chegue a saberse, ou non!