Pesar pola perda de Darío Xohán Cabana, un «poeta natural» e un pioneiro da edición

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Darío Xohán Cabana foi, ata a súa xubilación, responsable de publicacións do Concello de Lugo.
Darío Xohán Cabana foi, ata a súa xubilación, responsable de publicacións do Concello de Lugo. ALBERTO LÓPEZ

Escritores, tradutores, editoriais e institucións lamentan a morte do autor 

18 nov 2021 . Actualizado a las 15:32 h.

O pasamento de Darío Xohán Cabana foi recibido con mostras dun pesar só equiparable á súa figura literaria e a quen gozou da xenerosidade da súa amizade. A Real Academia Galega, na que ingresou no 2006, e o Concello de Lugo, onde foi funcionario ata a súa xubilación, expresaron publicamente a súa mágoa, como tamén a Asociación de Escritores en Lingua Galega, o colectivo de tradutores profesionais e o Consello da Cultura. Tamén se sumaron á consternación institucións como a Casa de Rosalía e editoriais como Galaxia e Xerais: neste último Darío Xohán Cabana publicou boa parte da súa obra.

En Xerais Manuel Bragado mantivo ese trato de editor con autor, pero, ademais, existía tamén a mesma relación á inversa. «Para min, Darío é un dos grandes pioneiros da edición en Galicia», lembrou Bragado, quen se atopaba «desolado» pola perda do escritor e amigo. «É un dato pouco coñecido pero moi importante o do seu paso polas Edicións Castrelos de Vigo, cuxas instalacións estaban en fronte da miña casa. Alí traballou con Xosé María Álvarez Blázquez, un dos meus referentes», explica o agora exdirector de Xerais. Para Bragado, a faceta de Cabana como editor amosoulle o rigor polo traballo e un profundo respecto pola palabra, pero cre que tamén deixou pegada nel como escritor e observador da realidade galega: «Darío andaba polas feiras, vendendo aqueles libriños do Moucho, nun dous cabalos ou un Dyane 6, non lembro exactamente o modelo, e ese contacto co público creo que foi decisivo na súa forma de achegarse a quen lían a súa obra». Como autor, Bragado destaca a calidade das súas traducións, o dominio da lingua que aprendeu no seu Roás natal e a súa produción lírica: «Para min, Darío é un poeta natural. Véxoo como un gran poeta nacional».

Esa mesma dimensión, a dun poeta «extraordinario», é a que subliña Xosé Miranda, colega escritor e amigo de Cabana. «É o máis clásico dos poetas galegos de finais do século XX, clásico na forma e tamén nas súas aspiracións. Para min está á altura dos grandes clásicos da literatura universal», razoa. Algo que tampouco fai desmerecer a súa produción en prosa, «moi conseguida», e na que Miranda escolle As vidas senlleiras como un gran libro, comparable ás obras de Italo Calvino e Marcel Schwob. Igualmente, Miranda eloxia as traducións de Darío Xohán Cabana: «As súas versións de Petrarca e Dante son das mellores en calquera lingua romance», loa. «Lin varias traducións ao castelán da Divina comedia e son moi inferiores ao traballo de Darío. Tiña un sentido do ritmo, da musicalidade das palabras, que fan da lectura dos versos algo extraordinario».

No trato próximo que mantiña co escritor, Xosé Miranda apunta á negativa de Cabana se sumarse a modas ou tendencias, preferindo primar o traballo solitario da literatura. «Afastábase deses brillos e vaidades dalgúns círculos, e prefería dedicarse á súa familia e aos seus libros», lembra sobre a súa personalidade.

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, dixo do autor que era «un clásico vivo» e a súa morte, «unha perda moi grande». «Aquelas persoas que aman a literatura, que aman a poesía e a lingua galega saben da transcendencia e da forza que tiña a súa palabra, da súa capacidade de comunicación e de evocación. Eu tiven a honra de ser editor dalgúns dos seus libros, como Galván en Saor e Cabalgada na néboa (o seu derradeiro libro de poesía publicado), e o seu dominio da palabra, a súa capacidade de transmitir emoción a través da lingua e do verso era extraordinaria», destaca. Do seu traballo como tradutor salienta Freixanes «a pulcritude coa que abordaba a significación da lingua e as súas posibilidades estilísticas cando traducía os clásicos latinos como Petrarca e Dante, ou aos poetas occitanos. A súa tradución da Divina comedia de Dante é unha obra xigantesca da que podemos sentirnos todos moi orgullosos».

A secretaria da Academia, Margarita Ledo, lembra agora «aquelas primeiras reunións en Lugo con Fiz Vergara Vilariño e o Mago Antón». «É alguén que a min me influíu en moitos aspectos, e tamén ao lelo. O Romanceiro da Terra Chá era o libro preferido da señora Amparo, como el lle chamaba á miña nai». Ledo, que foi compañeira de xeración de Darío Xohán Cabana, evoca versos como Xoga a brisca, meu pai, que teño un trunfo de ventos, xoga á brisca, meu pai, que desta vez venceremos. «Era un poeta da esperanza, como narrador facía sempre que se esvaesen as liñas de sombra. Déixanos ese legado de amor pola palabra e de traballo interno e do detalle, e do modo en que, desde a literatura culta á literatura popular, se foi expresando. Era tamén el un mago da composición, todos os rexistros pasaron polas súas mans».