Un voo de ouriolos para Darío X. Cabana

Ramón Nicolás

CULTURA

OSCAR CELA

18 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Biografía, un poema de Darío X. Cabana incluído en Cabalgada na brétema (2006), explica con transparencia cales foron as súas raíces —vitais e ideolóxicas— ás que sempre rendeu tributo. Dedicado á súa filla Alexandra, confesa que nel inclúe algúns versos «do Celso Emilio, pois hai cousas que dificilmente se poderían dicir doutra maneira». Este era, e así era, un autor dono dun talento oceánico, xeneroso e cortés no trato, construtor dunha permanente casa da Nación, como afirmou a profesora Moncha Fuentes no limiar dos Vinte cadernos (poemas 1969-2002), onde sintetiza que a súa obra poética é un «paseo pola vida, o amor e a morte». E un non atopa, entre estes motivos clásicos, mellor definición para resumir o que a súa achega literaria representa. 

Marcha Darío deixando un legado enorme, inabarcable e imposible sequera de reflectir minimamente neste espazo; deixa tamén unha enorme orfandade. Formo parte dun tempo en que coñecemos ao Darío narrador antes que o Darío poeta, pero todo virou despois nunha espiral inacabable. Síntome prendido á sombra que proxectou Galván en Saor (1989), tan presente en obras claves como Cándido Branco e o Cabaleiro Negro (1992), Morte de rei (1996) ou O cervo na torre (1994). Lecturas que determinaron, talvez, unha fidelización inquebrantable á súa voz que permanece ata hoxe, incluída a súa literatura infantil. Modulou, cando precisaba, o seu estro en libros inesquecibles como Vidas senlleiras (1992) ou Fortunato de Trasmundi (1990), sen ignorar o engaiolante Libros dos moradores (1990) con ilustracións de Alexandra Cabana ou o inexplicablemente desapercibido Mitos e memorias (2003), no que incorpora un monllo de relatos antolóxicos.

Non houbo nada, nunca, que saíndo da súa imaxinación defraudase, fose o seu esforzo en actualizar unha tradición narrativa que vén de Pondal, pasa por Cabanillas e Cunqueiro ou Ferrín, fose a súa vontade por desvelar claves do noso pasado, do noso presente ou da nosa identidade. A súa foi sempre a escrita dun virtuoso, dun amante da lingua coa que traballaba como ourive, unha fonte de aprendizaxe continua.