
O escritor destacou pola súa ampla produción poética e polas súas novelas fantásticas e históricas, así como polas súas traducións de autores como Dante, Petrarca e Dumas
17 nov 2021 . Actualizado a las 16:26 h.Darío Xohán Cabana, que vén de falecer aos 69 anos, foi autor dunha longa obra na que cultivou a poesía, a novela, a literatura infantil e xuvenil e o ensaio. Estes son cinco libros clave na súa traxectoria.
Poesía
«Vinte cadernos»
No 2003 Xerais recompilou en Vinte cadernos a obra poética completa de Darío Xohán Cabana, á que se sumaban dúas obras inéditas recentes. Unha boa porta de entrada á súa literatura e uns versos que figuran entre o mellor e máis sentido das letras galegas.
Novela
«Galván en Saor»
Acadou en 1989 o premio Xerais con esta novela que ollaba ao Merlín de Cunqueiro e ao Amor de Artur ferriniano. Galván chega á Terra Chá, onde coñece á princesa Silvania. Mestura de fantasía e tempos reais, con cameo do Mago Antón.
Novela
«Morte de rei»
Inspirada na figura do rei don García, é, con O cervo na torre, un bo exemplo de como Darío Xohán Cabana bebía na historia do país para facer unha literatura de alta esixencia, como el mesmo recoñecía: «Morte de rei é condenadamente difícil de ler», dicía.
Tradución
«Divina Comedia»
O exemplo máis logrado da súa faceta como tradutor. Hai dúas edicións: a primeira publicouna a Xunta en 1990. no 2012 empezou a revisar o seu traballo e acabou por reescribir uns 7.000 versos que apareceron co seu selo, Edicións da Curuxa.
Ensaio
«Cunqueiro e Don Hamlet en Lugo (San Froilán 1959)»
Entre os seus ensaios, destaca esta análise polo miúdo da estrea de O incerto señor don Hamlet nas festas de San Froilán de 1959, todo un acontecemento cultural. Tamén é unha achega de gran finura á figura e obra de Cunqueiro.