«Acorda» recupera a memoria de Pontevedra a través de música e lugares

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

De esquerda a dereita, Uxía, a deputada María Ortega, Marina Carracedo e Lois Pérez.
De esquerda a dereita, Uxía, a deputada María Ortega, Marina Carracedo e Lois Pérez.

O filme de Uxía, Marina Carracedo e Lucas Terceiro, hoxe en Cineuropa

15 nov 2021 . Actualizado a las 12:05 h.

Uxía e Marina Carracedo, coa dirección técnica de Lucas Terceiro, son as directoras de Acorda, un documental que recupera a memoria histórica da provincia de Pontevedra a través da música e da filmación en espazos como o Pozo da Revolta en Marín, a antiga Escola Normal na capital pontevedresa, a praia de Massó e a illa de San Simón, entre outros.

A cinta, impulsada polo Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra, e que conta con guion de Lois Pérez, escritor e narrador oral, asesorado pola tamén escritora Montse Fajardo, poderá verse hoxe en Cineuropa. A película poderá verse ás 19.15 horas (Sala Mozart do Auditorio de Galicia) dentro da sección oficial Panorama audiovisual galego, un apartado que comparte con outras producións como ¿Qué hicimos mal?, de Liliana Torres; Escribir o imposible, de Simone G. Saibene; Jacinto, de Javi Camino; e Flanèur en Compostela e Malencolía, de Alfonso Zarauza. Acorda tamén estará dispoñible para o seu visionado na plataforma Filmin entre os días 16 e 24 deste mes.

No proxecto participan voces moi diversas e reivindicativas do panorama musical galego actual: Tanxugueiras, Eladio Santos, Emilio Rúa, Silvia Penide, Ugia Pedreira, Sheila Patricia —bisneta dunha das madriñas de San Simón, mulleres que levaban alimento aos presos na illa—, Ezetaerre, Su Garrido Pombo e a propia Uxía. Ademais, o documental reúne un elenco formado por Tero Rodríguez, Andrés Giráldez ou Eduardo R. Cunha Tatán, entre outros, xunto a testemuñas reais.

Segundo Uxía, Acorda pretende ser tamén un exemplo de resistencia e dignidade, unha homenaxe ás vítimas que perderon a vida na loita pola democracia e a liberdade, e que merecen esta visibilidade.