O Observatorio da Cultura Galega apunta cara a unha mellora do sector

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

A edición de libros experimentou un incremento.
A edición de libros experimentou un incremento. PEPA LOSADA

Medrou a creación de empresas no 2021, igual que a edición de libros no 2020, aínda que baixou a asistencia aos cines

10 nov 2021 . Actualizado a las 16:21 h.

O Observatorio da Cultura Galega vén de facer pública a súa cuarta Conxuntura estatística do ámbito cultural. Novembro de 2021, un documento cuxas cifras apuntan cara a unha recuperación e mellora do sector, aínda que con diferenzas segundo as actividades. «Aínda que se detectan signos negativos, tamén se aprecian indicadores que amosan un horizonte de recuperación polo menos para algúns dos principais subsectores que compoñen a cultura», pode lerse no documento.

Dunha banda, as salas de cine de Galicia perderon no 2020 tres millóns de espectadores, o que equivale a unha baixada do 71,4 % e se traduciu nunha recadación de 17,4 millóns de euros menos. Doutra banda, o sector do libro incrementou as súas cifras, cun 34,5 % de títulos inscritos no ISBN: publicáronse en galego 489 libros máis que no 2019. Por temática, predominaron os de ciencias sociais e humanidades, seguidos da creación literaria e os libros de texto. En total, no 2020 editáronse en galego 1.743 libros.

Ademais, no que vai de 2021 xa se crearon 83 empresas culturais, o que amosa unha volta aos niveis do 2019, cando se formalizaron 81 sociedades novas. Pontevedra e A Coruña son as provincias onde se rexistra un maior incremento. A maiores, o dato de emprego na cultura tamén é alentador. Os postos de traballo son 36.200, uns 700 máis que en anos anteriores. Igualmente, medraron as altas á Seguridade Social. 

Gasto nos fogares

Outro dato moi positivo é o incremento de gasto na cultura nos fogares galegos. Logo de varios anos dunha liña descendente, no 2020 medrou o diñeiro dedicado ao consumo relacionado coa cultura, especialmente en equipos de imaxe, son e datos, libros e artigos de prensa. Pola contra, os confinamentos e peches afectaron a actividades como a asistencia a espectáculos e museos.

A peor parte levárona as salas de cine. A exhibición no 2020 foi sensiblemente menor que no 2019, un 23,5 %, é dicir, 445 longametraxes. A caída de espectadores mantense en cifras moi semellantes ás do resto de España, cunha baixada de 71,4 % de espectadores.