Os xogos tradicionais galegos, á conquista de máis persoas que os practiquen a través da rede

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

CULTURA

BASILIO BELLO

O Consello da Cultura e o Observatorio do Patrimonio Lúdico puxeron en marcha unha web e unha aplicación

11 nov 2021 . Actualizado a las 16:38 h.

Os pelouros, a billarda ou estornela, o pulso, as randeas, a escopeta de cana de millo, a petanca, a zoadeira... Constitúen parte do patrimonio lúdico galego e o obxectivo é que formen parte tamén do presente e do futuro. E iso pasa porque estes xogos tradicionais volvan a practicarse. Co obxectivo de fomentar que estean no lecer cotiá da rapazada e maiores, o Consello da Cultura Galega xunto co Observatorio do Patrimonio Lúdico puxeron en marcha unha web e unha aplicación —para Android e Apple—, «Xogos tradicionais», con información de medio cento destes entretementos e permitindo máis dun cento de combinacións distintas.

«O obxectivo é que este patrimonio estea cada vez máis presente. Son xogos que poden formar parte do día a día da sociedade actual e da do futuro. Non hai razón para deixalos como patrimonio do pasado», asegurou a presidenta do Consello da Cultura, Rosario Álvarez. Precisamente, a nova web e a aplicación son «unha ferramenta que vai posibilitar ter no peto os xogos tradicionais galegos. Non é descritiva. Ese non é o obxectivo, senón motivar a práctica», engadiu Paco Veiga, representante do Observatorio do Patrimonio Lúdico. «A idea é que nun minuto os interesados poidan poñer en práctica o xogo», sentenciou. Para elo contan cunhas mínimas indicacións para entender a esencia do xogo e unha serie de ilustracións —obra de Nuria Díaz (Vilagarcía, 1982)— para explicalo. Tamén hai enlaces ás normas para aqueles que queiran profundar máis e, nalgúns casos, inclúense vídeos. «A idea é poñer en valor os xogos para podelos practicar desde xa e reincorporar estes xogos á nosa vida cotiá», afirmou o coordinador técnico da nova ferramenta, Manuel Gago.

Diversas clasificacións

O medio cento de xogos do portal web están clasificados por idades —desde a cativada ata os adultos—, por obxectivos —lingüísticos, de representación, de habilidade, de mesa, de exercicio físico...—, e por tipos de xogos —adiviñas, danzas, burlas, cantados, carreiras...—. «É unha ferramenta pioneira do mundo», resaltou Paco Veiga, engadindo que a ían difundir a través da rede europea á que pertencen. A idea é que pouco a pouco se vaian incorporando novos xogos tradicionais á aplicación, que é gratuíta.

Os estudos sobre o xogo tradicional galego chegaron moi tarde, debullou Paco Veiga durante a presentación no Consello da Cultura. «A xeración Nós empezouno a estudar, e xa antes o fixera Marcial Valladares. Despois, desde que morreu Franco, asistimos a tres etapas fundamentais na historia da recuperación do patrimonio lúdico: a primeira, a recompilatoria deses xogos, despois chegou unha etapa de reflexión e estudo, e agora estamos na terceira, que é a da divulgación. Nós referímonos como a etapa de restitución do xogo tradicional, é dicir, volvelos ao pobo», detallou Veiga, lembrando que despois dos anos sesenta, moitas desas propostas que acompañaron o lecer durante décadas e incluso séculos caeron en desuso, «pero non no esquecemento».

A nova páxina web foi presentada no Consello da Cultura este xoves
A nova páxina web foi presentada no Consello da Cultura este xoves c

Esta nova ferramenta foi presentada coincidindo co día de San Martiño, que tal e como recolle o refrán, é o momento dos «peóns ao camiño». Manolo Charrancas, da Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, fixo unha demostración deste entretemento lanzando o peón máis pequeno do mundo. Na presentación desta ferramenta participaron representantes de diferentes colectvos que conforman o Observatorio.