O éxito do bono da Xunta confirma o interese do público polas creacións culturais

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

A asistencia a cines está contemplada no bono. Na imaxe, os cines Dúplex de Lugo nunha sesión a finais do 2019.
A asistencia a cines está contemplada no bono. Na imaxe, os cines Dúplex de Lugo nunha sesión a finais do 2019. ALBERTO LÓPEZ

O prazo para a adhesión de máis empresas á iniciativa remata o día 18

06 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En apenas 19 horas quedaron esgotados todos os bonos culturais cos que a Xunta se marcou como obxectivo a dinamización do sector. Foron un total de 39.000 bonos, que supoñen un orzamento de case dous millóns de euros, e que confirman o alto interese do público polas creacións culturais. «As cifras constatan o interese por gozar da cultura e tamén o interese por esta iniciativa coa que desde a Xunta queremos dinamizar o consumo cultural e tamén apoiar ao sector», afirma o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

Case 500 empresas participan desta iniciativa, aínda que o prazo para que se adhiran novas persoas físicas ou xurídicas permanece aberto ata o vindeiro día 18 de novembro. Poden facelo a través de bonocultura.gal. Teñen que ter como obxecto da súa actividade a venda de produtos e bens culturais, o que engloba, por exemplo, a salas de cine, teatros e auditorios, salas de concertos e de exposicións, museos ou asociacións, entidades e fundacións de carácter cultural, entre outras. Os titulares dos establecementos recibirán, con periodicidade semanal, a cantidade equivalente aos bonos trocados.

Diálogo co sector

«Esta é unha medida que puxemos en marcha en diálogo co sector e na que apostamos por financiar parte das compras a calquera persoa maior de 18 anos e residente en Galicia», destacou o conselleiro. Cada beneficiario recibirá un bono por valor de 50 euros para as compras nos establecementos adheridos. Ademais, en cada compra gozará dun desconto do 50 %. O período para usar o bono remata co ano, é dicir, o 31 de decembro.

Os beneficiarios poden ser persoas físicas maiores de idade con residencia en Galicia. Poderán usar o bono para mercar un amplo abano de creacións culturais, dende discos de música a produtos audiovisuais como películas ou series. Os libros e os videoxogos tamén están incluídos na iniciativa, así como as entradas para salas de cine, concertos de música, espectáculos escénicos calquera outra tipo de entidade cultural como museos.

O bono cultura suporá unha mobilización de en torno a uns catro millóns de euros no sector cultural, que tamén padeceu directamente os efectos da pandemia. A Xunta incrementará os seus orzamentos para o vindeiro ano nun 6 % co obxectivo de apoiar a creación, e deste xeito a área autonómica contará con máis de 96 millóns de euros.