Hamish Fulton, un encontro de arte e andaina

G. Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Detalle da exposición de Fulton que acolle o CGAC, aberta ata o 20 de febreiro.
Detalle da exposición de Fulton que acolle o CGAC, aberta ata o 20 de febreiro. Paco Rodríguez

A forza da proposta vital do veterano fotógrafo e creador londiniense enche o CGAC

30 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O encontro entre arte e andaina fundamenta a proposta do creador británico Hamish Fulton (Londres, 1946). El mesmo advirte que medrou no nordeste de Inglaterra nun tempo en que os nenos ían camiñando a todas partes e no que non todos os adultos posuían un coche. Algo similar ocorreu no seu fogar coa televisión. Foi desta maneira como, di, pertence a unha xeración á que a descuberta da arte salvou a vida. Iso e, engade, a lectura da biografía do cheiene Pata de Pau, que, anota, máis alá da conquista militar e da industrialización, serviulle para lembrar «a íntima relación entre cazadores e recolectores, por unha banda, e a natureza como un todo, por outra».

Estes vimbios tecen o ideario de Fulton, que o CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea) amosa na exposición Hamish Fulton. Walking East, na que aflora, entre outros aspectos, a importancia que o Camiño de Santiago ten na súa obra e tamén como feito estético e artístico. Unha proposta vital cuxa forza enche a planta baixa e o soto do edificio concibido polo arquitecto portugués Álvaro Siza.

Fulton posa na súa exposición no CGAC «Hamish Fulton. Walking East».
Fulton posa na súa exposición no CGAC «Hamish Fulton. Walking East». Paco Rodríguez

«A arte contemporánea non ten que ser sempre autorreferencial nin obsesionarse constantemente cos materiais; tamén pode referirse aos acontecementos e ás circunstancias da vida mesma. Tal e como a vexo, a arte que eu practico é un comentario sobre a maneira en que vivimos hoxe en día», asegura Fulton, que ben podería ter falado de «comentario crítico».

A reflexión e a contemplación -asociadas con frecuencia ao feito de andar- moven a creación do fotógrafo británico, preocupado de sempre por temas como o espolio das terras tribais polo Goberno de EE.UU. ou a destrución da natureza polas ansias febrís do home polo enriquecemento meramente economicista. «As miñas camiñadas gardan relación entre elas, desde a primeira ata a máis recente. Estou especializado en camiñar, que é unha acción física, non unha técnica artística convencional. O cal non nega a existencia física das miñas exposicións. Simplemente quero salientar a temática, non os medios artísticos. O que importa é sobre que trata, non a aparencia», argumenta este heterodoxo artista filósofo.

Formado na Saint Martin’s School of Art de Londres, leva desde 1969 realizando camiñadas por distintas paraxes do planeta: percorreu a península Ibérica de costa a costa en varias ocasións, visitou case toda Europa, Canadá, EE.UU., México e Australia, e camiñou polas montañas da India e do Nepal, entre outros moitos lugares. Detrás desta exposición do CGAC está o proxecto de itinerario que partiu de Fisterra cara a Santiago, Pamplona, Roncesvalles e Hendaia. Desde hai algúns anos vai enlazando andainas do pasado con novas empresas, entendendo o seu labor como unha unidade que se vai actualizando continuamente.

A súa produción caracterízase pola combinación de imaxe e texto, xuntos na mesma obra ou de maneira independente, co obxectivo de transmitirlle ao espectador as sensacións que espertaron nel os elementos atopados na súa camiñada, subliña o CGAC. A súa fotografía non se limita á reprodución documental dunha acción realizada con anterioridade, senón que é parte integral do proxecto, tanto na súa conceptualización como na realización e o modo de exposición.

A fotografía -o acto fotográfico, máis exactamente- intégrase nesta arte tan singular da marcha, acompáñao e fecúndao ata a exhibición final das tomas, que non se limitan a mostrar a paisaxe explorada senón que intentan traducir unha modalidade do espírito e da sensibilidade do camiñante. Así, busca provocar no espectador unha mirada crítica cara ao contorno e os ecosistemas ameazados por un progreso que non ten en conta a preservación da natureza e as culturas asociadas a ela.

A mostra inclúe unha selección de imaxes procedentes doutros proxectos alén da ruta xacobea, e por primeira vez todo o conxunto de obra seriada producido ao longo da súa traxectoria artística.