Mayoral, unha prosa xornalística «tinguida da cor feminina»

G. N. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A escritora luguesa Marina Mayoral recibe o premio José Luis Alvite de xornalismo de mans do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, nun acto celebrado na vila natal da autora, Mondoñedo, no auditorio Pascual Veiga.
A escritora luguesa Marina Mayoral recibe o premio José Luis Alvite de xornalismo de mans do conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, nun acto celebrado na vila natal da autora, Mondoñedo, no auditorio Pascual Veiga.

A escritora mindoniense recolleu en Mondoñedo o Premio José Luis Alvite

23 oct 2021 . Actualizado a las 04:50 h.

Marina Mayoral recolleu este venres o premio José Luis Alvite 2021 nun acto celebrado en Mondoñedo, localidade natal da escritora, no auditorio Pascual Veiga. A sexta edición deste galardón instituído pola APG (Asociación de Periodistas de Galicia) enxalza o labor desta catedrática emérita de Literatura Española como veterana columnista que publica regularmente en La Voz de Galicia, e que suma este recoñecemento a outros como o Fernández Latorre, a Medalla Castelao e o Losada Diéguez. O fallo valora especialmente uns artigos que reflicten a súa visión de asuntos de actualidade a través dunha análise polo miúdo na que adoita estar presente a perspectiva feminina, unha visión, por certo, que caracteriza a meirande parte da súa obra como creadora e investigadora.

Mayoral é académica de honra da Real Academia Galega desde o 2017. Ademais dos seus ensaios e novelas, traducidas ao alemán, o italiano, o portugués, o catalán, o polaco, o inglés e o chinés, na súa obra sobresaen os seus contos, publicados en diversas antoloxías en lingua española pero tamén en inglés e alemán. Entre o centenar de traballos de investigación realizados por Mayoral destacan as súas obras sobre Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán, así como os estudos sobre a problemática da escritura feminina ao longo da historia.

O encontro estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, que gabou a traxectoria da premiada como docente, escritora, académica, investigadora e xornalista. «Temos a sorte de vivir nun país -afirmou - no que abonda o talento e as figuras que contribúen á nosa terra e a cultura desde diferentes facetas». É o caso de Mayoral, «unha muller pioneira e unha figura de referencia que segue inspirando aos novos xornalistas e aos novos talentos que comezan no mundo da escritura». Rodríguez subliñou que a súa obra non se pode desligar da historia de Mondoñedo, vila que «viu medrar a algúns dos principais nomes da cultura galega como Cunqueiro, Pascual Veiga e Leiras Pulpeiro».

A presidenta da APG, María Méndez, agradeceu a Marina Mayoral que aceptara esta homenaxe, un recoñecemento á súa prosa «tinguida da cor feminina e das inquedanzas das mulleres», das que é un referente literario.

O crítico literario Armando Requeixo, tamén mindoniense, foi o encargado de ler a laudatio da premiada, «unha das voces literarias máis senlleiras das escritas galega e española das últimas décadas, autora de novelas e libros de relatos recoñecidos como pezas fundamentais do noso tempo».

Na súa intervención, Mayoral eloxiou este premio que revela, anotou, a súa inequívoca vocación polo xornalismo: «É unha ledicia e un estímulo nesta última etapa da miña vida. Cando me deron a noticia, tiven a impresión de que o tempo se rebobinaba a toda velocidade, ata chegar á imaxe dunha nena de doce anos que dicía con gran seguridade: eu quero ser xornalista». Xa daquela -rememorou- escribía poemas, contos e prosas variadas, «que se parecían bastante ao que escribo en La Voz de Galicia».