A autenticidade de Medos Romero dálle o Premio de Poesía Afundación

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

CULTURA

JOSE PARDO

A escritora logrou o galardón co poemario «E o sol era ela»

14 oct 2021 . Actualizado a las 20:29 h.

Medos Romero (As Pontes, 1959) foi distinguida por unanimidade como a gañadora da décimo novena edición do Premio de Poesía de Afundación por E o sol era ela. Un poemario cheo de «autenticidade, musicalidade e intensidade», segundo destacou o presidente do xurado, Luís González Tosar, tras reunirse en Santiago.

«E o sol era ela é un percorrido vital na procura de si mesma a través dun poemario épico-lírico que foxe da retórica e regresa á natureza non no sentido paisaxístico, senón a través da reflexión dunha voz feminina. Trátase dunha obra creada a partir dun profundo dominio do ritmo e da contención que nos leva a finais abertos, sorprendentes e mesmo paradóxicos», resalta o dictame do xurado, que estivo formado, ademais de por González Tosar, por Xabier Castro, Pablo Rubén Eyré, Concepción Prado Baña e Miríam Ferradáns. Tomando uns versos do propio poemario galardoado, resaltan que Medos Romero consegue «ser ao fin salvaxemente humana».

Nesta edición do premio impulsado por Afundación, o Centro PEN de Galicia e a Xunta, presentáronse 42 obras. A gañadora recibirá 6.000 euros e os seus versos serán publicados xa neste ano no marco da colección «Arte de Trobar». O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, felicitou á gañadora e apuntou que semella unha «chiscadela» que reciba este premio unha escritora que exerce de sanitaria. Desde Afundación incidiron no apoio á lingua galega con este galardón.