Retrato do home-artista Paco Pestana

CULTURA

Paco Pestana, retratado por Siro e nunha exposición coas súas obras en Ourense.
Paco Pestana, retratado por Siro e nunha exposición coas súas obras en Ourense. Siro / Miguel Villar

A «elegancia, orixinalidade e autenticidade» adornaban a personalidade do escultor, finado o pasado luns aos 72 anos

13 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Escribo baixo o impacto do pasamento do amigo, pero tamén, e máis que nunca, do engado que sobre min exerceu Paco Pestana, sátiro xenial, enxendrado baixo o luar nos montes de Castroverde; histrión portentoso, que reproduciu no Entroido do Lugo as festas medievais dos loucos, dos bispos e do burro, todas nunha; e podía improvisar en calquera momento mil ocorrencias dun cerebro que estoupaba en imaxinación e fantasía. Hai trinta anos pregunteille se o humor vai ben coa arte, e respondeume: «Os necios din que non, pero eu sen humor non podería facer arte. O humor é o meu bote salvavidas». Ademais do humor, tan evidente, eu vin no home-artista Paco Pestana outras tres peculiaridades: elegancia, orixinalidade e autenticidade.

A elegancia esixe percha, e Paco tíñaa. Alto, rexo, ergueito; lucía calquera prenda de roupa que puxese. Pero elegante é o que sabe elixir, e iso xa non é cousa da percha, senón do bo gusto, e Paco posuíao tamén. Nun acto social na Voz, apareceu cunha chaqueta amarela e camisa, bufanda e demais prendas en perfecta harmonía. Era unha das súas esculturas humanizada. Daquela pensei que poucos deseñadores de moda serían quen de crear un conxunto tan audaz e axeitado e tamén que poucos artistas ousarían vestilo.

A orixinalidade é outro don, como o da elegancia, que non se adquire. Dalí pasou toda a vida tentando ser orixinal sen conseguilo; Picasso foino sen pretendelo. Paco Pestana era orixinal, distinto a todos, e por iso levaba a chaqueta amarela con naturalidade. Porque non forzaba nada, nin ao elixir as prendas, nin ao vestilas. El era así, elegante, orixinal e auténtico; por iso as tres capacidades se reflicten na súa obra. Unha escultura de Paco Pestana pode dicirnos moito ou nada, pero quen visita o seu estudo ten, como Alicia, a sensación de pasar ao outro lado do espello e entrar nun mundo máxico. 

Labiríntico

O mundo creado por Paco Pestana non é circular, como os espazos que Dante viu na viaxe ao alén; nin ten forma de espiral como os mundos máxicos de certas galaxias; nin ten forma coñecida, porque o mundo artístico, creado por Paco nos límites do estudo, é labiríntico e infinito. Labiríntico, porque o visitante non fai un percorrido liñal, senón que, baixo o engado das formas e cores, vai pasando dunha figura a outra, perdéndose e reencontrándose en cada descubrimento. Infinito, porque ao volver ás pezas que xa vimos, descubrimos novos valores; novos motivos de abraio e de goce. E isto repítese indefinidamente.

Cómpre dicir que en Paco Pestana tan importante como a expresión plástica era a expresión oral. Paco creaba cada día, a cadora, en cada tertulia, en cada conversa. Teño posto ante el un magnetófono e deixalo falar, soñar, filosofar; e ao transcribir o seu discurso literalmente, só precisaba poñer os signos de puntuación, porque o texto estaba para editar. 

Porte de cabaleiro

Paco viviu instalado permanentemente na risa. Coido que a risa foi para el parapeto e carauta con que agachar o pudor, a timidez e a dozura, que non ían co seu porte de cabaleiro templario. Era extrovertido, desinhibido, atolado, pero delatábano os ollos, como brasas acesas; dúas luzadas cegadoras, cun brillo de tenrura. Ás veces baixaba do escenario e confesábase: «Son sumamente ambicioso, aínda que un certo toque nihilista faime estar de volta das cousas. Éche o meu peor defecto».

Así o vin e así o debuxei moitas veces. A primeira, na caricatura adxunta; a última, tenteino neste retrato con palabras.