Un libro reúne os novos achados sobre Rosalía, que abren vías para investigar

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A presentación celebrouse no Museo do Pobo Galego.
A presentación celebrouse no Museo do Pobo Galego. PACO RODRÍGUEZ

A publicación inclúe o expediente matrimonial inédito e un estudo histórico

08 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A dous días da conmemoración do 163 aniversario do casamento de Rosalía de Castro e Manuel Murguía ve a luz a publicación que recompila toda a documentación inédita do seu expediente matrimonial que descubriu a investigadora Sagrario Abelleira no Arquivo Histórico Diocesano de Madrid. Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858) conta coa reprodución e transcrición da ducia de documentos cun total de 43 folios que tiveron que presentar os noivos para obter a autorización para casar, así como cun estudio introdutorio a cargo da autora do achado e do historiador Miguel Anxo Seixas no que contextualiza toda a documentación. Deste xeito, pódese ler na súa totalidade o «documento xoia», como definiu Abelleira a acta notarial na que a nai da escritora, Teresa de Castro, a recoñece como filla natural e afirma que naceu o 23 de febreiro de 1837, un día antes do que se viña conmemorando nos últimos anos tomando como referencia a data do bautizo. 

O libro foi presentado este xoves no Museo do Pobo a escasos metros de onde repousan os restos da poeta. Fíxose especial fincapé non só na relevancia do achado, senón tamén na súa importancia para abrir novas vías de investigación sobre o matrimonio de escritores galegos. «Isto non se acabou, temos que seguir batendo nas portas, remexendo nos arquivos, porque estes documentos ábrennos as fiestras para seguir investigando», asegurou o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. No mesmo senso incidiu Armando Requeixo, do Instituto Ramón Piñeiro, apuntando que «os estudosos e estudosas van tirar proveito desta descuberta» sobre Rosalía e Murguía. Un matrimonio «ao que Galicia lle debe case todo o que temos», resaltou o historiador Miguel Anxo Seixas.

Nada o día 23, ás 4 da mañá, e aleitada seis meses en Ortoño

A lectura do libro Rosalía e Murguía: datos, datas e documentos (1851-1858) permite completar baleiros na biografía de Rosalía xa que, como lembrou o historiador Miguel Anxo Seixas, a propia escritora mandara queimar parte da documentación sobre a súa vida. O foco principal está na carta de recoñecemento da nai. Nela, ademais de apuntar que a poeta naceu o 23 de febreiro, detalla que o fixo ás catro da mañá e que despois do bautizo, a súa madriña, María Francisca Martínez, «la puso para su lactancia en poder de una tal María [...], que era vecina del lugar de Santos, parroquia de San Juan de Ortoño, en cuio poder ha permanecido unos seis meses, y al cabo de ellos pasó a la compañía de la que le habla, en la que permanece».

A investigadora Sagrario Abelleira defendeu que é preciso reivindicar a figura da nai «inxustamente deostada». Engadiu que se demostra que Rosalía «non era orfa, senón que sería unha familia monoparental de hoxe». No mesmo sentido se pronunciou Anxo Angueira, apuntando que as achegas documentais non só teñen un importante impacto simbólico pola alteración da data de nacemento, senón que tamén hai o impacto sobre a biografía de Rosalía ao constatarse a importancia da súa relación coa nai. «Sabemos, por fin, que a nai non abandona a Rosalía, senón que vai aleitarse cunha familiar», engadiu o presidente da Fundación. Miguel Anxo Seixas tamén lembrou o gran descoñecemento que existía ata o achado desta nova documentación sobre a etapa en Madrid dos escritores.

Na presentación do libro tamén participou o subdirector do Arquivo Histórico Diocesano de Madrid, Pedro Sabe Andreu, que destacou que non foi doado atopar este expediente matrimonial de Rosalía e Murguía, xa que foi localizado finalmente pola arquiveira Irene Galindo na sección de pobres. «Es una enorme satisfacción encontrar documentación de personas ilustres en nuestro archivo, máxime como cuando en esta ocasión se hace público», afirmou.

O novo libro, xunto ao estudo introdutorio de Sagrario Abelleira e Miguel Anxo Seixas, contou co traballo de Gregorio Casado na transcrición dos textos e de María Ramos no deseño. Veu a luz co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e tamén colaborou a Casa de Rosalía.