A valdeorresa Eva Piay gaña o galardón Pura e Dora Vázquez de ilustración

La Voz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

cedida

O xurado designado pola Deputación de Ourense salientou a coherencia da proposta co texto de Pablo Nogueira 

07 oct 2021 . Actualizado a las 14:08 h.

O xurado encargado de conceder o premio Pura e Dora Vázquez de ilustración escolleu os orixinais da artista valdeorresa Eva Piay Fernández (Rubiá, 1999) para formar parte da obra O clube de coleccionistas de selos, o orixinal de Pablo Nogueira Campo que conseguiu o galardón no apartado literario. O concurso de literatura infantil e xuvenil promovido pola Deputación de Ourense selecciona as ilustracións do texto, logo de ter escollido a obra literaria. As dúas convocatorias están dotadas con 1.500 euros. O xurado destacou que as ilustracións de Eva Piay «teñen moita coherencia co texto gañador, o que permite unha lectura moi visual e moi clarificadora para o público infantil», ademais de ser moi estéticas e acabadas. Tamén se referiu o xurado, segundo consta na acta, aos «seus amplos planos que dan lugar á imaxinación, ofrecendo panorámicas e contextos diversos, e que representan perfectamente a idea da diversidade que ofrece a narración». Eva Piay estuda Belas Artes en Valencia.