As «Cousas» de Castelao atopan un novo público en castelán no século XXI

x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Castelao, retratado por Pacheco.
Castelao, retratado por Pacheco.

Asteroide publica a tradución de Domingo Villar e Luis Solano do libro

05 oct 2021 . Actualizado a las 18:30 h.

«Estos textos, pese llevar décadas escritos, son de una actualidad enorme». Domingo Villar refírese deste xeito a Cousas, un dos grandes clásicos de Castelao que vén de traducir ao castelán a catro mans con Luis Solano, responsable de Libros del Asteroide, o selo que publica esta nova versión. «Castelao le habla directamente al lector de hoy», confirma Solano, quen presentou onte o volume, baixo o título de Cosas, que marca a incorporación do escritor e referente galeguista ao seu catálogo. «Para mí había una razón personal, porque nací en Santiago, me crie en Vigo y leí Cousas siendo estudiante», engadiu o editor, quen releu estas historias a pasada primavera e ficou abraiado pola súa modernidade». Unha visión que ratificou o académico e investigador Henrique Monteagudo, quen se sumou á presentación telemática do libro. «Castelao hizo un gran esfuerzo por paliar el déficit de prosa que había en gallego y conseguir una lengua literaria, que fue reconocida como clásica ya desde el primer momento».

Cousas amosa claramente os trazos que subliñaron Villar, Solano e Monteagudo na presentación. «Castelao era médico, aunque ejerció poco. Pero los buenos médicos tienen las tres haches: humor, humanidad y humildad», describiu Villar. Para Monteagudo, a prosa de Cousas bebe do galego popular para acadar unha lingua literaria chea de ironía, gusto e finura, cun «lirismo que lo embebe todo». Igualmente, Luis Solano apuntou a única combinación de lingua popular con cultismos, así como unha mirada moderna, «piadosa hacia sus personajes, en la que no hay nada impostado», ademais de chamar a atención sobre a relación íntima entre pintura e escritura en Castelao, que comparou á de Ramón Gaya. Pola súa banda, Henrique Monteagudo definiu o libro cos trazos de orixinalidade e radicalidade, ao escribir sobre uns personaxes -e a súa lingua- que a sociedade despreza

O reto da tradución

Unha singularidade, a de Cousas, que os tradutores asumiron como un reto -Domingo Villar fixo referencia á responsabilidade de enfrontarse a unha «figura totémica»-, no que o respecto á cadencia e á musicalidade da prosa foi esencial. Villar e Solano repartiron a tarefa de traducir os textos breves, que logo analizaban e discutían polo miúdo na procura de solucións nas que ambos concordasen. Cando «empataban», como así dixeron, apelaban ao criterio da responsable da revisión do libro, a escritora e filóloga Dores Tembrás. Solano lembrou onte que houbo achados e cesións; entre os segundos, a expresión «os da outra banda» para referirse aos veciños da outra beira da ría, que na tradución quedou en castelán como «ribera».

Deste xeito, a edición de Asteroide redescubre Cousas para unha nova xeración lectora, a dun novo século, xa que a anterior tradución era de 1967, un volume conxunto de Cosas e Los dos de siempre, en versión de Alberto Míguez. Solano non confirmou se publicará máis títulos de Castelao, pero si que haberá máis literatura galega no seu catálogo.