Un documento inédito demostra que Rosalía naceu o 23 de febreiro, non o 24

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Última foto que se tomou de Rosalía de Castro, na que aparece en 1884 coa familia no xardín da Casa da Matanza.
Última foto que se tomou de Rosalía de Castro, na que aparece en 1884 coa familia no xardín da Casa da Matanza. RAG

Descobren a escritura notarial na que a nai da escritora sitúa a data

23 feb 2023 . Actualizado a las 18:15 h.

A biografía de Rosalía de Castro mudará a partir de agora. O 23 de febreiro de 1837. Esa é a data na que naceu a autora de Follas novas e non o día 24, no que se celebrou o seu bautismo e que se viña tomando de referencia para conmemorar o seu aniversario. Así o demostra a documentación descuberta pola investigadora galega Sagrario Abelleira no Archivo Histórico Diocesano de Madrid, coa colaboración da arquiveira Irene Galindo. Trátase do expediente matrimonial inédito da escritora e Manuel Martínez Murguía datado no ano 1858, que consta de doce documentos cun total de 43 folios. Entre a numerosa nova información que achega sobre a vida dos escritores, destaca a referente á data exacta do nacemento da poeta, que consta a través da declaración notarial feita en xuño de 1843 pola súa nai, Teresa de Castro. «Siendo presente doña Teresa de Castro [...], dijo: que en el día veinte y tres de febrero de mil ochocientos treinta y siete dio a luz a una niña que encargó a María Francisca Martínez, de la parroquia de San Juan del Campo, tragese a dicho Gran Hospital para que por uno de sus capellanes fuese bautizada solemnemente [...] poniéndole el nombre de María Rosalía Rita...», recolle a escritura notarial en forma de copia certificada que contén o testemuño da nai e que forma parte dese conxunto de declaracións e certificados que esixía a Igrexa para autorizar o casamento o 10 de outubro de 1858 na igrexa de San Ildefonso de Madrid.

Segundo resalta Sagrario Abelleira, nesta escritura notarial non só é relevante coñecer a data exacta do nacemento da escritora, senón que tamén supón a proba do recoñecemento de Rosalía de Castro como filla natural cando esta tiña seis anos. «É importante esta escritura notarial de 1843 rescatada, pois faltaba acreditar documentalmente esa dependencia directa ou filiación legal entre nai e filla para fixala na biografía de Rosalía», conclúe a investigadora. Ata agora, lembra, coñecíase a partida do bautizo do 24 de febreiro de 1837, onde aparecía como «hija de padres incógnitos», tal é como está anotado no libro de nenos expósitos do Hospital Real de Santiago correspondente ao ano 1837. «Grazas á escritura notarial do expediente rescatado no arquivo diocesano madrileño queda demostrado que Teresa de Castro recoñeceu a Rosalía como filla natural ante notario en 1843», afirma a impulsora da investigación.

Catro meses de expediente matrimonial

Ata agora coñecíase a acta do matrimonio de Rosalía e Murguía, celebrado o 10 de outubro de 1858, pero non todo o expediente matrimonial. «Son moi curiosa e vou buscando os documentos. Había cousas que non me encaixaban na biografía de Rosalía», afirma a tamén filóloga Sagrario Abelleira. Así que pensou: «Se hai un acta matrimonial, terá que haber un expediente matrimonial». Foi entón cando se puxo en contacto co Archivo Diocesano de Madrid, que dirixe Andrés Martínez Esteban. Explica que os primeiros intentos de dar con esta documentación non deron resultados, pero finalmente foi posible grazas ao «magnífico traballo da arquiveira Irene Galindo», que atopou o expediente previo á voda conservado no fondo da Vicaría y Provisorato do Arzobispado de Madrid. Estaba na Sección de Pobres, pois, tal e como consta no documento que abre o expediente, Murguía pedía que se lle eximise do pago de dereitos por falta de recursos. Foi o 17 de xullo de 1858. A partir de aí, recompílanse durante catro meses unha ducia de documentos nos que tamén se inclúen, entre outros, as declaracións xuradas de Rosalía e Murguía, as declaracións de tres testemuñas, o consentimento outorgado por Teresa de Castro a Rosalía para casarse, a autorización para a voda e, como non, o recoñecemento de Teresa Castro a Rosalía. Esta documentación, apunta a investigadora, permite extraer datos inéditos.

O achado feito por unha investigadora galega obriga á corrección do natalicio

A documentación descuberta a principios de febreiro deste ano froito da investigación iniciada por Sagrario Abelleira pon fin á confusión da data do bautizo coa do nacemento de Rosalía de Castro. Pero estas non foron as únicas xornadas nas que se situou o natalicio do gran referente das letras galegas. Abelleira explica que cando Rosalía empezou a ser recoñecida como escritora tras Cantares gallegos en 1863, Murguía incluíu os primeiros datos biográficos dela no Diccionario de escritores gallegos. «Nació en Santiago el 23 de febrero de 1837 y pasó sus primeros años en la pintoresca villa de Padrón, de donde era natural», recollía a publicación. A investigadora detalla que esta data tomárona como válida escritores como Ossorio Bernard e Augusto González Besada, este último no seu discurso de ingreso da Real Academia Española en 1916 dedicado a Rosalía de Castro. Tamén era a data que figuraba na lápida conmemorativa situada en 1900 na Casa da Matanza de Padrón.

Entón, como se complicou a fixación da data de nacemento? Abelleira expón que nunha entrevista realizada polo xornalista Jaime Solá a Murguía -que foi publicada en 1918- recóllese: «Rosalía de Castro -según el venerable testimonio de Murguía- nació en Santiago el día 24 de febrero del año 1837». Esta entrevista fora realizada como desmentido a un artigo do ano anterior no que se dicía que Rosalía nacera o 23 de febreiro. Outros dous autores, Javier Vales Faílde e Eugenio Carré, a principios do século XX, incluso situaron o 21 de febreiro como xornada natal. Ante esta incerteza, a partir da transcrición do contido da partida de bautismo publicada en 1942 polo periodista Celestino Sánchez e dous anos despois por Victoriano García Martí, asociouse o día do bautizo co do nacemento, porque o asento rexistral deste era a única evidencia documental existente, informa a investigadora. «Cando xa parecía descartarse a posibilidade de localizar nova documentación con datos tan esenciais sobre os biografados Murguía e Rosalía, o descubrimento en febreiro do 2021 deste expediente inédito pertencente ao Archivo Histórico Diocesano de Madrid permite agora datar con certeza e confirmar a verdadeira data de nacemento de Rosalía, o 23 de febreiro de 1837, un día antes do bautismo», incide Sagrario Abelleira na súa explicación sobre o achado do expediente matrimonial de Rosalía e Murguía.