PP, BNG, PSOE e a Mesa piden igualdade para o galego e o castelán na nova lei estatal do audiovisual

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

A actriz Sara Couce, nunha sesión de dobraxe.
A actriz Sara Couce, nunha sesión de dobraxe.

28 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha campaña da Mesa pola Normalización Lingüística para que se recoñeza igualdade de condicións para o galego, o castelán e as outras linguas oficiais na nova lei estatal do audiovisual comezou este luns co apoio dos tres grupos do Parlamento autonómico. Agora pedirán acordos municipais para reforzar esta aspiración, avanzou Marcos Maceira, presidente da Mesa.

As deputadas Raquel Arias (PP), Mercedes Queixas (BNG) e Noa Díaz (PSdeG-PSOE) coincidiron no valor da proposta para a dinamización da cultura e da economía do país. A pretensión é conseguir que a nova lei estatal, que se prevé será enviada proximamente polo Consejo de Ministros para tramitar nas Cortes, «recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda». A Mesa presentou no pasado xullo alegacións a esa lei estatal.

O presidente da Mesa salientou a nova unanimidade que suscita o idioma na Cámara galega, despois de aprobar en maio a denominada Iniciativa Xabarín para a mellora da presenza da lingua galega no audiovisual. Non había unanimidade para promover o idioma desde o ano 2004, afirmou Maceira.

Neste caso destacou que de 25.872 títulos entre series e filmes dipoñíbeis nas principais plataformas de televisión, «practicamente todos contan con versión orixinal ou dobrada en español ou inglés, e só o 25 % están en versión orixinal galega; e ningunha conta con opción dobrada ou lexendada en galego», e avogou para que mude a situación.