Zarauza mestura en «Malencolía» o terror e a tradición cultural galega

La Voz OURENSE

CULTURA

O OUFF abriu co filme do realizador santiagués, rematado dous días antes

25 sep 2021 . Actualizado a las 10:11 h.

Foi un traballo contra reloxo. Hai nada que Alfonso Zarauza (Santiago, 1973) remataba de gravar as últimas imaxes da súa nova película e aí empezou a conta atrás para chegar ao obxectivo marcado: ter a súa nova obra rematada para poder facer a estrea mundial no OUFF. Custou, como recoñeceu o realizador de Malencolía, pero ao final foi posible e a cinta protagonizou a gala de apertura do festival de cine de Ourense.

Rodada, maioritariamente, en escenarios do Carballiño e do Irixo, tamén con algunha escena en Compostela, Malencolía supón unha nova etapa na filmografía de Zarauza. O director sinalou na presentación que sempre lle gustou o xénero dos filmes de terror, sobre todo as obras americanas, pero que a resolución das películas era algo que nunca o acabou de convencer.

A alternativa do director galego pasa por un traballo de xénero «na liña do cine de terror clásico, pero sustanciado na rica tradición cultural galega», sinalou. As lendas, a tradición oral e todo o imaxinario colectivo galego son, segundo Zarauza, un material que nunca se ten aproveitado no cinema na súa xusta medida. Quería aportar unha singularidade ao xénero e sempre tivo claro que «a malencolía era o factor determinante. Malencolía dun lugar, do pasado, dun ser querido...».