Picasso-Miró-Dalí

CULTURA

25 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai dúbida de que os tres grandes xenios da pintura española do século XX foron Pablo Picasso, Joan Miró e Salvador Dalí. E cítoos nesta orde porque así o fan os críticos e os organizadores da mostra Picasso, Miró, Dalí. Los grandes maestros españoles del siglo XX. Obra gráfica, que está a desfilar polos centros culturais dos concellos da Comunidad de Madrid. Unha exposición que debería seguir polo resto de España, porque nela están os tres grandes pioneiros hispanos que, coas súas exploracións creativas, anchearon as vías das vangardas pictóricas do século pasado.

Nela pódense ver trece gravados dunha singular homenaxe de Picasso ó Greco (en concreto, ó Enterro do conde Orgaz), a achega de Miró á técnica da litografía nas marabillas acrósticas do seu propio xardín (unha das súas series máis coñecidas, coa poesía de Rafael Alberti ó fondo) e os vinte e un augafortes con que Dalí ilustrou La vida es sueño de Calderón de la Barca. Toda unha mostra do xenio creador duns pintores que revolucionaron o propio concepto da pintura no século XX e que abriron sendeiros que non pararon de medrar sen deixar nunca de ser recoñecidos como forzas inspiradoras.

Dalí era o más novo deles, cun impulso creador flamíxero. Picasso e Miró, grandes os dous, coñecéronse en Barcelona en 1917. Os tres admiráronse e tratáronse con respecto, alén das ironías dalinianas que transcenderon, por exemplo cando aseguraba: «Picasso é comunista; eu, tampouco». Tempos felices de tres ousados creadores que abriron sendas daquela moi innovadoras, chamativas e desafiantes.