Casaio, a cartografía invisible da guerra

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

LOLITA VÁZQUEZ

A vila valdeorresa pula por protexer o patrimonio do volframio e a guerrilla

22 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A historia, como os montes de Trevinca, abrolla nos traumas. Nos anacos dunha cunca de cerámica que, amoreados dentro dunha bolsa pulcramente etiquetada, debuxan a represión e a fuxida. E nas pilas de carbono que foron aparecendo, a ducias, como luzadas da vida cotiá dunha cidade apuntalada nunha guerra invisible. Carlos Tejerizo xira a cabeza e ergue a man. Sinala as abas dos montes máis altos dun país no que a memoria gardou durante décadas o mapa dunha cidade construída na selva na que resistiron ata 1946 os que crían que vencerían os vencidos cando rematase a Guerra Mundial.

A man de Tejerizo érguese en Casaio, comarca de Valdeorras e sinala o que din que foi o derradeiro punto no que ondeaba a bandeira republicana. A Cidade da Selva sobreviviu nunha memoria que agora escava o proxecto Sputnik Labrego: un dos conxuntos arqueolóxicos máis importantes de Europa que permite coñecer polo miúdo como era a vida da guerrilla antifranquista.

En Casaio permanece a memoria da Guerra española, pero tamén da mundial. «Viñemos motivados polo interese nos chozos onde habitaron os guerrilleiros», pero dunha maneira ou outra, lembra Laura Martínez Panizo, nas conversas coa comunidade de Casaio sempre remataba aparecendo a mina de Valborraz, un testemuño doutra guerra esquecida, a do volframio, que tivo varias frontes en Galicia, dende Fontao (Silleda) a San Fins (Lousame).