Grandes xornalistas, grandes literatos

H. J. P. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Francisco Fernández Naval, Teresa Seara e Xosé Manuel Pacho Blanco falaron de periodismo e ficción no marco da Semana do Libro de Compostela.
Francisco Fernández Naval, Teresa Seara e Xosé Manuel Pacho Blanco falaron de periodismo e ficción no marco da Semana do Libro de Compostela.

Os editores de Torneiro, Ferreiro e Lezcano debullan os seus libros póstumos

20 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Periodismo e literatura. Este foi o asunto da charla que mantiveron Francisco Fernández Naval, Chisco, Teresa Seara e Xosé Manuel Pacho Blanco no marco da Selic (Semana do Libro de Compostela), festival que rematou onte. Alí estaban os tres como os respectivos editores das derradeiras publicacións póstumas de Xosé Fernández Ferreiro, Manuel Álvarez Torneiro e Arturo Lezcano, Ruco: Ulcis (Edicións Xerais), Clave de bóveda, (Factoría K de Libros/Kalandraka) MemOria (Doutor Alveiros/Fundación Vicente Risco), aparecidas no último ano. Non só son tres figuras literarias de primeira orde no panorama das letras galegas recentes, senón tamén tres grandes xornalistas que fixeron boa parte da súa carreira profesional -toda, no caso de Torneiro- en La Voz de Galicia.

Ao respecto, lembra Seara que «no xornal, cando había que encaixar o texto dun titular, pasábanllo a Torneiro», que tamén tiña fama de facer unha obra de arte de cada pé de foto, como membro destacado da vella garda que era. «Contaba que cando chegaron os ordenadores á redacción de La Voz, seguía a empregar a máquina de escribir. E engadía que moita xente se levaba moi mal coa computadora e non sabía nin prendela, pero non dicía nunca que un deses era el».

Xa xubilados, Torneiro e Ferreiro tomaban café xuntos todos os días na Coruña e alí rememoraban moitas anécdotas da súa etapa na redacción de La Voz, como cando Torneiro cubriu o incendio do pazo de Meirás ou cando Ferreiro se encargou de narrar a loita da xente de Castrelo de Miño contra o encoro.

«Pepe cubriu esta loita -incide Fernández Naval-. El estivo aquela noite en que as mulleres cos nenos colleron os fachos e queimaron os barracóns de Fenosa. E tamén estaba cando lles apuntaron cos fusís. Pero pasáballe ao revés, que confundía a literatura co xornalismo, así foi se como creou o grupo Brais Pinto [que integraban intelectuais galeguistas, entón, en 1958, estudantes e traballadores, como Xosé Luís Méndez Ferrín, Bernardino Graña, Reimundo Patiño, Bautista Álvarez e Ben-Cho-Shey] a través dunha invención que publicou no diario ABC», unha noticia na que falaba dun [suposto] afiador Brais Pinto morto en Madrid en accidente de tráfico.

Sobre o comezo da conversa flota unha pregunta: «É fácil publicar un libro póstumo?». Teresa Seara xa estaba afeita a darlle unha última volta aos textos de Torneiro, aos seus poemarios: «Todos os 11 de novembro, polo meu aniversario, Manolo chegaba á miña casa cun libro inédito, acompañado dun collage ou dunha ilustración, porque el era un gran pintor. Así ocorreu con Clave de bóveda, no que puidemos traballar xuntos. El deixoume algunhas anotacións de versos que quería mudar. O que pasa é que cos problemas de saúde que tivo no final da súa vida, non tivo moita oportunidade. Tres semanas antes de morrer díxome que tiñamos que rematar o libro, falar con Kalandraka e que se publicase», recorda. Álvarez Torneiro foi, no 2013, o primeiro en gañar o Premio Nacional de Poesía cunha obra en galego, Os ángulos da brasa.

Chisco Fernández Naval relata que Ferreiro morreu antes de poder enviarlle o libro a Manuel Bragado, de Edicións Xerais. «A min publicar o libro custoume moito interiormente porque non deixei de ter dúbidas en todo momento por se as miñas decisións eran as que el tomaría. Torneiro era o meu testemuño de que Pepe daba o libro por rematado, pero tampouco viviu para a data na que se publicou».

En canto a Xosé Manuel Pacho Blanco, sabe que Arturo Lezcano non compartiría moitas das escollas que fixo durante a labor de edición: «Xa non as puiden discutir con el. Foi a revisión dun manuscrito que eu discutira moitas veces xa con Ruco, que moitas veces mudou de título e tivo cambios dos que ás veces non nos daba noticia. No proceso de edición había unha especie de diálogo entre ambos, só que realmente el xa non estaba».

A memoria da Guerra Civil e do franquismo

Estes tres libros publicados post morten poden axudar ao lector a traballar no rescate da memoria, a facerse preguntas dunha época, a Guerra Civil e o franquismo, opina Xosé Manuel Pacho Blanco, que observa no caso do texto de Arturo Lezcano, MemOria, «unha especie de axuste de contas do xornalista a través do escritor. O narrador xornalista aproveita estas páxinas para volver con acidez sobre dun tempo. É un axuste de contas cunha sociedade ben pensante que ás veces se fai trampas ao solitario».

«Falamos de tres edicións póstumas que chegaron ás nosas mans confiando en que iamos tratar ben os textos», di Teresa Seara, que sitúa Clave de bóveda como unha peza fundamental para calquera que se queira achegar a Torneiro. «El tiña moita capacidade de transmitir cos seus versos. Como facían Ferreiro na súa narrativa e Lezcano nas crónicas», sinala.

Para Chisco Fernández Naval, foi fundamental, na tarefa de edición, o respaldo de Méndez Ferrín, que ademais lle aconsellou recuperar todos os textos ulcísticos escritos nos anos 50 e 60 e incluílos como apéndice. «Ferrín insistiume na gran importancia de publicar este libro porque demostra que Pepe Ferreiro non era un escritor de xénero», subliña.