Sarabela revisita o mito artúrico dando o protagonismo a Morgana

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Morgana en Esmelle
Morgana en Esmelle Miguel Villar

A compañía estreará mañá a adaptación da novela de Begoña Caamaño

16 sep 2021 . Actualizado a las 14:35 h.

Os mitos non son outra cousa que iso, mitos, e como tal están expostos e aturan calquera revisión, cuestionamento e mesmo actualización. E ata lle cae ben que os miren cunha ollada actual, contemporánea e comprometida coa realidade do século XXI. A escritora e xornalista Begoña Caamaño asinaba no ano 2012 -dous antes da súa morte- unha novela que foi obxecto de recoñecemento unánime por parte de crítica e dos lectores e que foi valorada na súa xusta medida con premios como o Ánxel Casal, o Losada Diéguez, Nacional da Crítica e o da Asociación Galega de Escritores. Naquel acontecemento que foi Morgana en Esmelle, Caamaño pousaba a ollada sobre os mitos de Britania, Xenebra, Merlín, Morgana, Viviana, Arturo, etcétera, e facíao dende un punto de vista diferente, dándolle voz e protagonismo ás mulleres para rescribir o mito.

Agora, coincidirá no tempo cos dez anos de publicación da obra, a compañía Sarabela Teatro adapta o texto de Begoña Caamaño e estreará este venres, día 17, a súa montaxe «Morgana en Esmelle». Será no Auditorio de Ourense, ás 21.00 horas -haberá outras dúas representacións: sábado 18 ás 21.00 horas e domingo 19, ás 20.00 horas-.

A nova montaxe de Sarabela Teatro está dirixida por Ánxeles Cuña e conta cun reparto formado por Quico Cadaval (Merlín), Fina Calleja (Xenebra), Fernando Dacosta (Filipe Garlois, Uther, Artur), Sabela Gago (Igraine), Laura Míguez (Morgana) e Elena Seijo (Viviana).