«Humano, más humano», de Josep Maria Esquirol, a pobreza da vida moderna

Ricardo Queiruga

CULTURA

Retrato do filósofo Josep Maria Esquirol e, á esquerda, portada do seu libro «Humano, más humano».
Retrato do filósofo Josep Maria Esquirol e, á esquerda, portada do seu libro «Humano, más humano». Acantilado

14 sep 2021 . Actualizado a las 05:10 h.

Crónica dunha máis que necesaria e imprescindible diagnose da actual ideoloxía transhumanista, o universo filosófico dentro do que se sitúa a inquietude que atravesa e anima a proposta de Humano, más humano retrata con fidelidade e rigor o horizonte dos efectos e consecuencias máis inquietantes da cultura hiperindividualista moderna. Nunha liña de pensamento que se instala e analiza dun xeito sutil parte dos fitos máis importantes da tradición filosófica occidental —de Platón a Nietzsche—, a obra de Josep Maria Esquirol (Sant Joan de Mediona, Alto Penedés, 1963) reflicte o compromiso ético vencellado desde a súa orixe a todo traballo crítico, desde o empuxe máis matinal do seu propio movemento.

O fanatismo fomentado pola necesidade dun progreso económico ilimitado, a imposición paulatina dunha ideoloxía de mercado baseada nunha competitividade desenfreada e agresiva así como nunha innovadora forma de consumo que tende á cousificación e instrumentalización xeral das relacións humanas, entre outros, son aspectos e características fundamentais desta nova realidade «hipermoderna» e «poshumanista». A famosa expresión e experiencia nietzscheanas, que a finais do século XIX proclamaban que o home debía ser superado, transmutan aquí na necesidade radical de volver a pensar e a pór no centro do debate a especificidade e a singularidade do mundo humano.

Definida como «ferida infinita», a «antropoloxía filosófica» do profesor Esquirol insiste na necesidade de comprender e pensar a existencia humana desde a «insuperabilidade» e «intransferibilidade» da dor fundamental que implica vivir. A redución da vida individual a unha existencia meramente privada e produtiva, a progresiva e alarmante desaparición do antigo espazo público, entre outros, son síntomas evidentes da erosión fundamental da experiencia humana moderna, rica e próspera nun plano económico, pobre e miserable no que nela haxa de «real», en todo aquilo que ela teña de «conciencia».