«Algúns contos completos» de Domingo Villar, a vida e a palabra

Ramón Nicolás

CULTURA

Carlos Baonza

12 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Este xoves chegou ás librarías Algúns contos completos (Galaxia), unha suxestiva compilación de relatos curtos que nos agasalla o escritor vigués Domingo Villar presentada nunha edición que incorpora un fantástico corpus de linogravados a cargo do ilustrador madrileño Carlos Baonza. E ese mesmo día, dúas horas deron para dar cabo del, gorentando aos poucos ese binomio artístico que tan ben dialoga e que resulta, por outro lado, bastante infrecuente entre nós.

Os relatos de Villar, algúns deles publicados nas páxinas de La Voz de Galicia hai certo tempo, constitúen un festexo inesperado e fresco que nos reconcilia coa vida e coa palabra en tempos estraños, o que non é pouco. Exhíbese neles unha solvencia construtiva exemplar nestas distancias curtas e, teño para min, reclaman unha lectura pausada que posibilita gozar cada momento da lectura. Isto é así, talvez, porque estes relatos enlazan coa mellor das tradicións dos contos inspirados en personaxes, semblanzas se se quer, que beben da realidade ou do fantástico -iso, neste caso, tanto ten-, polo que ben se pode traer aquí, sen temor a errar, que se sitúan por dereito propio no ronsel que continúa con excelencia a extraordinaria tradición contística de noso.

Difícil non conmoverse con estas historias polo humanismo que destilan, pola presenza do humor ou por esa proximidade desde a que se relatan os detalles e que tanto ten que ver co manexo dos recursos da oralidade. Difícil que non queden na memoria personaxes como Eli?ka, o señor Guillet, Don Andrés o Guapo, o Santo de Bella Unión ou o espiritista do Grove que, entre outros, pasan xa a formar parte, por dereito propio, do noso imaxinario literario. Saben a pouco pero ocasión haberá -iso espero- para máis.