Os corpos toman a palabra no CDG

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Artes en movemento. O espectáculo «Serva me, servabo te» está desenvolto pola compañía Pálido Domingo, que é a primeira vez que produce unha montaxe destas dimensións, como tamén supón o seu debut no escenario do Salón Teatro e na colaboración co Centro Dramático Galego. Pálido Domingo agarda que esta peza sexa o comezo na creación dun espazo para as artes en movemento en Galicia.
Artes en movemento. O espectáculo «Serva me, servabo te» está desenvolto pola compañía Pálido Domingo, que é a primeira vez que produce unha montaxe destas dimensións, como tamén supón o seu debut no escenario do Salón Teatro e na colaboración co Centro Dramático Galego. Pálido Domingo agarda que esta peza sexa o comezo na creación dun espazo para as artes en movemento en Galicia. Xoán A. Soler

A nova montaxe da compañía pública «Serva me, servabo te» poderá verse ata o próximo día 26 no Salón Teatro

11 sep 2021 . Actualizado a las 19:05 h.

Corpos que loitan, que bailan, accionando... Desde un sen vontade a outro cheo de enerxía. Os corpos en movemento son a base sobre a que se asenta Serva me, servabo te [Axúdame e axudareiche, en latín], a terceira produción propia que pon en marcha este ano o Centro Dramático Galego (CDG), que poderá verse ata o 26 de setembro no Salón Teatro. Trátase dunha montaxe que explora novas linguaxes escénicas da man de Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez, integrantes da compañía Pálido Domingo, que se encargan da dirección da peza e tamén participan como parte do elenco artístico nesta aposta da entidade pública pola dramaturxia contemporánea.

«Neste espectáculo exploramos as fronteiras entre a violencia e o coidado, esa liña que as separa, como se ven afectados os corpos», explica Fran Martínez. Trátase dunha proposta que parte dun teatro moi físico, engade Diego M. Buceta. Como noutras pezas da propia compañía, nesta co CDG, traballan con elementos de artes marciais e con algunhas secuencias do muai thai. Todo iso enriquecido polas videocreacións de Laura Iturralde, que tamén se encargou da iluminación así como da escenografía xunto a Carmen Triñanes. «As videocreacións axudan a elaborar a dramaturxia da peza e son máis corpos. Entón multiplican os nosos corpos. Esas videocreacións son fundamentais na dramaturxia, non só desde o aspecto visual e estético», explica Fran. Todo para crear distintas atmosferas.

Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez comparten escenario con Olga Cameselle, Bal Castro, Raquel Crespo, María Llanderas e Cris Vilariño. É a primeira vez que contan cun elenco tan amplo nas súas creacións, de aí que tamén se impregnara na peza a idea de colectividade. Aínda que foi o propio equipo de Pálido Domingo o que se encargou da dramaturxia e a parte creativa, Diego M. Buceta sinala que é resultado dun traballo de oito persoas compartido. Así hai algo de cada unha delas nesta proposta que se prolonga durante uns setenta minutos e que se puido ver por primeira vez o pasado 5 de setembro no Festival de Teatro Galego Celso Parada do Carballiño.

Desde a compañía creada no 2017 non agardaban recibir esta chamada do CDG para dirixir unha das súas producións. É máis, trátase da primeira vez que se soben ás táboas do Salón Teatro. «Nós estamos acostumadas ao pequeno formato e as salas alternativas», relata Diego, que resalta que se atopan «agradecidas pola oportunidade», que ven como un xeito tamén de reclamar un espazo para as artes en movemento en Galicia. Ao traballar para a compañía pública, explica, o proceso foi moi diferente ao habitual, xa que eles adoitan contar cuns proxectos máis dilatados no tempo, que nesta ocasión tiveron que adaptar para uns ensaios a comezos de ano e agora. «Estivemos moi coidadas, foi moi intenso e moi satisfactorio», engade. Un espectáculo no que, a pesar destas diferenzas á hora de desenvolvelo co seu proceso habitual, manteñen toda a esencia da súa forma de facer.